Carlos Gómez deixa a inauguración da humanización da rúa Carabela Pinta a Almuíña

As obras do novo paseo Pinzón e do segundo tramo da humanización da rúa Carabela Pinta están a piques de rematar

Publicado: 17 jun 2023 - 07:08

A rúa Carabela Pinta, coas obras a piques de rematar.
A rúa Carabela Pinta, coas obras a piques de rematar.

Carlos Gómez Prado, en compañía dos concelleiros en funcións Óscar Martínez, Andrea Pérez e Rosa Domínguez, supervisou as obras do novo paseo Pinzón de Baiona e do segundo tramo da humanización da rúa Carabela Pinta, as dúas actuacións a piques de finalizar que xa abrirá o novo alcalde, Jesús Vázquez Almuíña. “Os veciños de Baiona, así como os turistas que nos visitan, terán á súa disposición para o verán un Pinzón completamente renovado e unha rúa Carabela Pinta na que medran os espazos de preferencia peonil, dúas obras fundamentais para a nosa vila coas que pechamos estes catro anos”, sostén Gómez Prado.

“Era o noso compromiso de goberno e cumprimos, rematar estas dúas obras tan importantes antes da tempada de verán”, engade o alcalde en funcións, lembrando “o voto en contra do PP ao investimento para renovar o Pinzón”. O novo paseo Pinzón, cun investimento de 1.280.973,05 euros, servirá para poñer en valor o balcón litoral de Baiona. Será o gran espazo de lecer da vila, un lugar máis accesible para todos. A actuación na rúa Carabela Pinta, cun orzamento de 285.000 euros, impulsa a mobilidade e a accesibilidade do tramo, recuperando espazos para os peóns cunha plataforma única.

Festival de Maxia en Baiona

Por outra banda, Baiona acollerá o venres 23, sábado 24 e o domingo 25 de xuño o seu terceiro Festival de Maxia baixo o título “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado pola Concellería de Cultura, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo como Dania Díaz, participante no programa Got Talent e recoñecida como unha das maiores expoñentes da maxia a nivel de internacional; Adrián Carratalá, un dos magos máis creativos que hai en España; “Edu o Mago”, un ilusionista moi dinámico e divertido para toda a familia que vén desde Madrid; ou os vigueses Carlos Tomico e Sara Rodríguez, da cooperativa “Mangia na Manga” entre outros moitos, ademais dos xa tradicionais ilusionistas do festival como son Samuel Moreno ou Javi Rufo.

Tras o éxito dos dous primeiros festivais, o Concello de Baiona volveu á apostar por este evento e programou novas actividades como un Scappe Room, conferencias. Nesta edición 2023, a maxia volve ao museo flotante da Carabela Pinta, que deu nome ao festival, introducindo como novidade a repartición de tickets 15 minutos antes de cada pase para fixar a hora á que van entrar ás instalacións.

Contenido patrocinado

stats