O best seller da literatura galega, agora en cómic

Iria Aldagunde asina a adaptación para banda deseñada da obra cumio de Xosé Neira Vilas, “Memoria dun neno labrego”

Iria Aldagunde presenta o cómic “Memorias dun neno labrego”, onde recupera nomes case esquecidos.
Iria Aldagunde presenta o cómic “Memorias dun neno labrego”, onde recupera nomes case esquecidos.

“Metinme nesta aventura por amor e curiosidade, gústame moito o libro orixinal, dende os 11 anos lino moitas veces, amais sempre lle atopei un punto a iso de facer adaptacións”. Así, Iria Aldegunde (Santiago de Compostela, 2000) asina o primeiro cómic do maior best seller da literatura galega, “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas, editado por Galaxia.

“Sentinme identificada con Balbino; aínda que eu nacín en Compostela, pasei moito tempo na aldea da familia e recoñecía a nenez que pasou o meu pai, que foi un neno labrego nunha aldea de Lugo, e sobre todo a do meu avó, quen tamén tivo que durmir sobre un ‘anllar’, que era un conxunto de madeiras que se acumulaban fóra da casa sen chegar a ser un alpendre”, explica Aldegunde, quen aproveita as viñetas da banda deseñada para recuperar termos lingüísticos que se están a perder. A súa propia familia serviulle de inspiración, como a camiseta que viste Balbino, a protagonista, que reproduce a que levaba o seu avó.

Enfrontou a adaptación, partindo da historia que quería que prevalecera e o número de páxinas coas que contaba, “cada versión é diferente, céntrase no que máis chama a atención a cada autor; quixen amosar a miña interpretación, a miña visión do campo”. Recoñece que este proxecto lle metía moito respecto. “Sobre todo ao principio, nun cara a cara cun libro moi querido, que aborda temas universais como a inxustiza social,a soidade ou o amor platónico, dende unha contorna recoñecible. Traballar cun libro que se ten nun pedestal, que esperta tanto respecto, igual non é a mellor das ideas; foi complicado lidiar cunha presión autoimposta”.

Foron dous anos de traballo de campo e documentación, onde Aldegunde visitou a bisbarra do Deza, no museo etnográfico de Lalín. “Falei moito coas persoas maiores, cos vellos, quería que me contasen as súas vivencias; interesoume moito esas conversas interxeracionais”.

Iria Aldegunde, quen se atopa en plena xira de promoción, non só recolleu a historia de Balbino, senón tamén o seu mundo, o que no se conta no libro de Neira Vilas. “Tiven que reconstruír as localizacións e as contornas que rodea a historia”, apunta a autora.

Contenido patrocinado

stats