María Reimóndez, luvas con literatura
Boxeo
María Reimóndez (Lugo, 1975) compaxina a tradución e a literatura coa paixón do boxeo, xa que “se escribir é algo esencial para min, creo que este deporte está a un nivel semellante”
Boxeo e literatura ou boxeo e cine. Sempre casaron ben. Crónicas de recursos literarios, vidas para levar á escrita ou á pantalla. A diferenza é que, no caso de María Reimóndez, a autora, a persoa da cultura, a das letras, é a mesma que pon as luvas para subir varias veces por semana ó ring. Aí está a diferenza, co engadido de ser unha muller, aínda unha excepción nun deporte moi masculinizado.
“A raíz da publicación de ‘Furia’ si que a xente coñece máis esta faceta miña, pero aínda así, nunha entrega de premios había xente que me facía comentarios sobre a violencia do boxeo e así. Moito antes desta novela, escoitaba constantes comentarios desafortunados”, asume a escritora, tradutora, feminista e fundadora e colaboradora con ONGs. Un perfil que, a priori, ninguén espera atopar no boxeo, aínda que “e un pouco absurdo. Temos moitas facetas máis alá da escritura e se escribir é algo vital para min, debido a que é unha faceta á que dedico moito tempo e esforzo, creo que o boxeo está a un nivel semellante na miña vida”, defende a autora.
Esta realidade é así ata tal punto que se trata de “algo que organiza o meu día. Por exemplo, agora vou a traballar ó sur da India coas compañeiras da ONG. Manter a forma alí para min é unha prioridade. Iso ten que ver co boxeo. Teño que manter esa certa forma física para despois poder seguir adestrando. É unha constante que me axuda a ter a cabeza no seu sitio e a afrontar moitas violencias que sofres no espazo público”, relata Reimóndez.
No seu caso, explica que lonxe dos prexuízos, “o boxeo non é violencia”, e de feito, asegura que “é un deporte de contacto. A violencia é discriminar, violencia é tratar mal... Moitas outras cousas que son antagónicas ó boxeo", relata a deportista e escritora.
No ámbito da cultura e das letras atopa sorpresa e distancia co mundo das luvas, os ‘sparrings’ e os combates. E, María Reimóndez, tamén móvese nun ambiente completamente diferente, que non é peor nin mellor. “Temos a idea de que a xente que practica boxeo ten un perfil moi concreto e eu creo que vai mudando. Aínda así, a min é un espazo no que me gusta estar. ¿Atopo escritoras e así? Pois non. Pero atopo persoas que me interesan igual ou máis que a que hai noutros mundos que temos máis prestixiados socialmente”, relata a escritora e deportista.
Neste contexto, diferente ó habitual nunha profesional en tradución e interpretación, María Reimóndez engade que “no boxeo teñen acollida moitas vidas que están agochadas, como as de rapazas migrantes ou xitanas. Hai unha diversidade de persoas e, para min, é moi enriquecedor compartir espazo con elas”. E tamén, engade que “no boxeo hai certo tipo de homes, non porque atraian un perfil de marxinalidade, senón porque o que da é un entorno de seguridade. Aporta unha disciplina e permite saír de certo contexto social no que te moves porque naciches nunha clase social ou en certo lugar. E aí tes un espazo no que atoparás un trato de respecto e unha disciplina coa que encamiñar a túa vida. Ese perfil existe, pero non é o único. Aínda que creo que é ó revés do que pensa a xente”.
A lucense afincada en Vigo dende hai máis de vinte anos comezou no mundo do boxeo hai moito tempo en “disciplinas como aerobic e outras que tiñan cousas similares”, ata que se anotou ó deporte do ring no Trabazos para pasar a La Vieja Escuela, onde está actualmente. “Apórtame moitas cousas, tanto a nivel físico como mental. É un deporte esixente e tes que adestrar para estar en boa condición, pero tamén, para as mulleres en particular, é un lugar para explorar os límites do teu corpo e perder o medo ó contacto físico”, explica sobre as achegas da disciplina no seu día a día e, engade que “aínda que está moi masculinizado, o propio deporte crea unha comunidade que é acolledora, formando un espazo de seguridade e apoio. Sempre hai xente coa que aprender e mellorar. Estou moi cómoda”.
A imposibilidade de competir
Ata tal punto atópase ben sobre o ring e coas luvas postas, que María Reimóndez lamenta que “non podo competir. A normativa da federación non permite debutar se tes máis de corenta anos”. Unha situación que considera inxusta porque “moitas mulleres chegamos tarde a este deporte porque tivemos outro plan de vida que o impediu”. Por iso, entende que “prexudica máis ós mulleres que os homes”. E, en todo caso, “estou en forma e, con 48 anos, claro que me gustaría”, resalta a viguesa. ¿O motivo?: “Para ter esa experiencia. Pero non porque teña aspiración de gañar nada. Pero si ter ese desafío comigo mesma de estar nun ring, diante de xente e poñerme ante unha compañeira”, relata.
No seu caso, tamén atopou no mundo do cuadrilátero o seu deporte axeitado tras intentos de nena e adolescente. “Os adestradores animáronme moito. Dende pequena, sempre me dixeron que era moi zoupona e que o deporte non era para min. Sempre fixen deporte, pero coa idea de que se me daba fatal e que era moi mala en todo. Facía a disciplina que tiña accesible, como o baloncesto ou o tenis, pero sempre me dicían que fatal. Ó chegar ó boxeo, foi ó contrario. Podo dar a impresión de que son zoupona porque son destra de man e zurda de pé e faime aprender lentamente algunhas cousas. Pero si que atopei unha comunidade na que hai paciencia suficiente para que a xente evolucione ó seu propio ritmo”, relata María Reimóndez.
Aí chega de novo o concepto de comunidade, de familia puxilística, que é distinta ó día a día. “Pode parecer o contrario pero recibo moita máis violencia no espazo público como escritora que no boxeo. Hai discriminación, é certo, pero como en calquera outro sitio. Non é comparable ó que se vive cando tomas a palabra en público e defendes as túas ideas ou o ameazados que se senten algúns homes da cultura por ver a mulleres neste espazo”, engade. E, neste relato, describe que “fun das moitas mulleres que sufriu maltrato na adolescencia. Xa escribín bastante sobre iso".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
tenis en silla
De la Puente seguirá junto a Róber Rodríguez
Fútbol | segunda federación
El Coruxo obtiene la cesión de Pelayo García hasta fin de curso