Anxo Rajó homenaxea as facetas artísticas de Xela Arias

Publicado: 09 feb 2022 - 23:47 Actualizado: 09 feb 2022 - 23:48
A familia de Xela asistíu ao acto celebrado na sede viguesa da Deputación.
A familia de Xela asistíu ao acto celebrado na sede viguesa da Deputación.

A biografía “Xela Arias. Poeta e tradutora”, do profesor Anxo Xoán Rajó, presentouse onte na sede da Deputación en Vigo cun acto arroupado por unha nutrida representación do mundo da cultura da cidade.

A rebeldía, a forza, a dignidade e o feminismo que emanaba Xela Arias estiveron moi prsentes tanto nas intervencións do autor e da presidenta provincial como no recordo da súa obra a través da lectura de varios textos e poemas a cargo de Natalia Barros, alumna de 2º de Bacharelato de Artes do IES Valadares. Para Carmela Silva, que participa cun saúdo no libro, a homenaxe a Xela Arias das Letras Galegas foi “un xusto recoñecemento a unha muller que, na súa de súpeto interrompida vida literaria, deixou un importantísimo legado poético referente para xeracións presentes e futuras”.

A presidenta da Deputación lembrou á autora como pioneira en moitos aspectos, entre eles entender a poesía como unha viaxe sen fronteiras cara a novos espazos ou manifestacións artísticas, e tamén incidiu na súa faceta “intempestiva e loitadora” como referente da reinvidicación “feminina e feminista desde ti mesma”. Rajó destacou a ideoloxía da poesía e, a súa faceta feminista “nun momento difícil e moi diferente ao de hoxe, porque eran poucas as mulleres que tiñan a posibilidade de subirse a un escenario e falar disto”, así como a “dignidade” que dá título a un dos seus poemas.

O acto contou coa presenza da nai e do fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Gil Arias, mais con David Regades, delegado de Zona Franca ou Bieto Ledo, o editor.

Contenido patrocinado

stats