Antonio Valín, novo bispo de Tui-Vigo: “Estou ilusionado e expectante coa miña primeira procesión do Cristo”
Procesión do Cristo
Monseñor Antonio Valín vive as primeiras semanas como bispo de Tui-Vigo “coñecendo a realidade do día a día das parroquias”
O Día do Cristo da Vitoria, este domingo, monseñor Antonio Valín (Lugo, 1968) cumprirá os primeiros quince días como bispo de Tui-Vigo. En declaracións a Atlántico, recoñeceu afrontar a súa primeira procesión, “ilusionado, expectante e sorprendido, ilusióname poder participar nela, xa desde o principio da miña estancia como un vigués máis, por todo o que significa para a xente, por toda a devoción que manifesta e por todo o que supón de identitario da nosa realidade”.
Confesa que non deixa de sorprenderlle a cantidade de fieis que move. “Xa vou descubrindo nestes días de novena que serven de preparación para a festa, son moitos os que participan con fe no culto e iso vese no rostro e na actitude dos que acoden”. Con total humildade, expresa o desexo de “poder vivila coa mesma devoción de tantos, porque non deixa de ser un encontro co Señor da Vitoria que nos abre os seus brazos, manifestando o seu amor por cada un”.
Nesta semanas como titular da diócese, Valín Valdés propúxose como primeira acción, “ir coñecendo a realidade do día a día e ás persoas que están nas parroquias. Logo xa hai compromisos habituais da axenda”.
Asumiu ter sido o primeiro bispo que se ordenou na catedral de Tui en 114 anos “con ilusión e certo temor ante o descoñecido e o reto que supón este servizo. Confío en todo o que teño que botar adiante non é traballo exclusivo meu, senón que o imos facer entre moitos, e iso dáme paz e seguridade”.
Procedente da diócese de Mondoñedo-Ferrol, é consciente da combinación das parroquias urbanas de Vigo coas rurais con apenas fegreses coas súas características e problemáticas nunha Igrexa con cada vez menos vocacións relixiosas. “Sempre é un reto como achegar o evanxeo ás persoas e como vivir en comunidade ao estilo de Xesús, tanto na cidade como na realidade máis rural; teremos que facer o esforzo de meternos máis en cada realidade, coñecela máis para ver com levar adiante a tarefa do anuncio do evanxeo. Ese é o reto que en toda realidade hai que botar adiante”. Apunta que el se limitará a engadir oa feito ata agora, “non é novo”.
Non quixo posicionarse aínda en temas como o proceso que seguirá ata agora seminario maior de San Xosé ata convertirse na nova residencia da diócese ou a sorte que correrá o mosteiro en ruínas de San Salvador de Albeos, en mans privadas en Crecente. “O patrimonio sempre é un tema complexo, lévase tempo en diálogo coas parroquias e vendo a mellor maneira de poder seguir coindándoo e manténdoo dentro das nosas posibilidades.Estou recén chegado e o primeiro que quero é coñecer a realidade diocesana”, apuntou.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último