Adeus a García Bodaño, poeta renovador e académico vigués

O intelectual de Teis, que desenvolveu a súa vida en Compostela, ingresou na Real Academia Galega en 1992

Publicado: 08 mar 2023 - 00:00 Actualizado: 08 mar 2023 - 09:06

Salvador García-Bodaño Zunzunegui.
Salvador García-Bodaño Zunzunegui.

Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu no barrio de Teis en 1935 e onte, aos 87 anos faleceu en Teo, provocando unha desazón na cultura galega. Ao longo de todo o día, as redes sociais enchéronse de mensaxes de condolencias de institucións e particulares. Aínda que vigués de nacemento, desenvolveu a súa vida en Compostela, exercendo un labor fundamental en distintos ámbitos culturais.

A Real Academia Galega, onde ingresou en 1992 respondido por Carlos Casares, foi unha das primeiras en dar o pésame por “unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50”. Como despedida escolleu un versos do autor, “Doénme xa os ollos e as mans/ de tantos adeuses”.

Estivo no círculo de Carlos Maside e foi un dos promotores do museo ao artista. Así, dende a Plataforma C. Maside compartiron varios retratos que o pintor fixo en distintas épocas de García Bodaño. Amais outras fundacións como a de Uxío Novoneyra deixaron claro a importancia do seu labor: “Expresamos a nosa dor polo pasamento do gran amigo; para sempre xuntos na memoria”.

Tamén estivo detrás da formación da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a cal se fixo unha homenaxe recuperando fotos históricas como o acto no que se declarou socio de honra en 2004 no seu barrio natal de Teis.

Dende a Mesa de Normalización Lingüística, tildárono de “persoa comprometida coa lingua e a cultura galega”

As editoriais sumáronse tamén aos recoñecemento: Xerais ("un dos renovadores da literatura galega dos anos 50; destacou a súa traxectoria como escritor, tradutor, xornalista, activista cultural e académico") ou Galaxia ("Con gran pesar, recibimos a noticia do seu pasamento, poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta e columnista de prensa").

Compañeiras das letras como Helena Villar Janeiro lembrábano, como “amigo e poeta, quen tivemos a sorte de frecuentar e acompañar en diversos actos, lugares e ocasións choramos a súa perda; que a terra lle sexa leve e os seus poemas voen na memoria e nos libros”.

Asemade provocou as reaccións na clase política comezando polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que nun tuit enviou todo o agarimo para súa familia e para os membros da Real Academia, “quedará sempre na memoria de Galicia por ser un dos noso maiores poetas; a súa acción cultura foi imprescindible, entre outras cousas foi clave para o Museo do Pobo Galego”. O deputado do BNG, Néstor Rego apuntou as súas lembrazas comúns cunha breve mensaxe: “Sempre no tempo de Compostela. In Memoriam”. Pola súa banda, o socialista vigués Gonzalo Caballero fixo súas as palabras, “soubo como poucos erguer a voz, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”.

Implicado no Seminario de Estudos Galegos, no PEN Clube de Galicia, na Asociación Galega de Libro Infantil e Xuvenil, no Ateneo de Santiago ou na Fundación Pedrón de Ouro son moitos os colectivos que choran a súa morte e onde deixou parte do seu legado.

Contenido patrocinado

stats