Yolanda Castaño: “Todas aspiramos a unha sociedade que non so valore o que se pode meter nunha bolsa”

Reflexiona sobre as cuestións que avalan que o labor poético sexa un traballo remunerado como un oficio máis

Publicado: 24 oct 2024 - 06:50 Actualizado: 24 oct 2024 - 08:16

Yolanda Castaño, no set de Atlántico TV.
Yolanda Castaño, no set de Atlántico TV.

A poeta compostelá Yolanda Castaño visitou o set de Atlántico TV para falar do seu ensaio “Economía e Poesía”. Editado por Galaxia, foi distinguido co Premio Ramón Piñeiro. Reflexiona sobre as cuestións que avalan que o labor poético sexa un traballo remunerado como un oficio máis.

Semella lóxico que un traballador cobre polo que fai.

Creo que todas aspiramos a unha sociedade en que non só se valore aquelo que se poida meter nunha bolsa. Se se paga unha terapia, que se imparte a través da palabra ou se ten a docencia, algo tan inmaterial, como valioso, as actividades culturais e creativas deben ser valoradas y xustamente remuneradas se se nos obriga ás autoras a vivir no mesmo sistema.

O carácter transcendente que moitas veces se lle da á poesía é un hándicap?

Si, moitos creen que vén dado polas musas e que somos atravesados polo divino que nos ditan o que temos que escribir e o resto tempo vivimos do aire. Hai moitos estereotipos en torno á poesía, rodéaa unha aura que semella conectala co místico, co espiritual, pero como calquera disciplina artística precisa de moito traballo e entrega. Se non desvaloramos a unha artista que vive da pintura ou a un músico profesional, non debe levantar suspicacia unha poeta que pretenda vivir do seu traballo.

E aquí entra a utilidade da poesía. Existe?

Nunha sociedade cada membro e oficio ten o seu valor e todo é necesario para construír a identidade cultural dun pobo. Que sería de Colombia e de Irlanda sen os seus escritores? A identidade faise con esas obras que quedan na literatura, onde a poesía se complementa coas outras linguaxes como a técnica, o máis poliédrica posible.

Tamén algo de responsabilidade nesta falla de valoración está a formación que se lles pide aos escritores, tal e como indica no seu ensaio.

É verdade que todo forma parte desas correntes tradicionais e culturais que a poesía vén arrastrando con ela. Como dixen hai moitos estereotipos e non hai tradición de formación literaria, nin de cursos de escritura creativa, habituais noutros países. En ocasións me teñen preguntado como se forma un escritor en España. Aquí segue a idea do don divino co que se é insuflado.

Muller, poeta e escritora en galego. Seica o ten todo para sufrir discriminación.

É estar o máis afastada que se pode do mercado. Pero isto ten un final feliz, estar aquí é o botón de mostra. Si se pode vivir de escribir nunha lingua minorizada como o galego. Eu logreino, aínda que despois de 30 anos de traballo e reivindicación.

No seu ensaio reclama que esa loita debe ser colectiva. Hai individualismo entre as poetas?

Creo que sen mala intención, facemos un auto-exame individualista ante o feito de que o noso labor sexa remunerado ou non. Pola razón que sexa podo non precisar ese diñeiro porque hai un soldo ou unha renda detrás. Igual chega coa visibilidade e o prestixio que dá participar no acto. Temos que facer unha análise máis comunicada coa que construír a nosa resposta.

Ampáraa un Premio Nacional, pero toda a súa traxectoria esixiu unha remuneración. Gañou a sona de contestataria?

Seguramente. Ao longo de meu camiño formulei ser remunerada porque era o meu tempo o que ofrecía. Todo sae da nosa vida, dos nosos corpos para desenvolver unha carreira creativa. Moitas veces a resposta era “de acordo, non contamos contigo, chamamos a outra”. Foi unha carreira de resistencias, sentando a debater sobre eses bordes flexibles no camiño da profesionalidade. Non todo ten que ser rexido, máis ben descontinuo, flexible con posibilidades abertas no horizonte que xa se verán.

Que se publique este libro xa é un bo sinal. Non é?

Sobre todo por este premio. O xurado estaba formado por académicos, representantes do sistema editorial e do mundo institucional. Son espazos que saen mal parados no ensaio e aínda así, foron moi autocríticos. Pensaron que era necesario esa conversa incómoda que vaga a pena por sobre a mesa.

Contenido patrocinado

stats