Ramón Nicolás: “O seu carácter rebelde ven destes primeiros anos no Calvario”
“O libro responde á necesidade de expresar unha serie de lugares e vivencias de Begoña”, conta o escritor, mestre e crítico literario, vén de publicar “A nena que perdeu un zapato na lama”
Ramón Nicolás, escritor, crítico literario e mestre no IES Castelao, vén de publicar “A nena que perdeu un zapato na lama”, unha biografía “pouco ortodoxa”, nas súas propias verbas, sobre a infancia de Begoña Caamaño no Calvario.
Que quería retratar no libro?
Quixen reivindicar a figura de Begoña a través dun espazo moi concreto, que é o barrio do Calvario. É onde ela viviu, dende que naceu no ano 1964 ata o 1976. É un lugar, un espazo, un territorio que é compartido por min tamén. Son eses espazos moi particulares nos que ela aprendeu a ver o mundo non primeiros anos da súa vida. Logo seguiu vivindo en Vigo tamén, porque foi ao barrio de Coia a vivir e estudou o maxisterio aquí en Vigo. Polo tanto, é unha biografía, pero unha biografía non moi ortodoxa, porque acaba no ano 1976.
Fala de biografía pouco ortodoxa. É historia ou contén ficción?
A ver, é investigada. Parte dun traballo que este verán, anterior, realicei en primeira instancia para o meu alumnado do IES Castelao. E a partir de aí, de propostas para poder facer este ano, para que eles coñecesen a unha escritora que viviu no mesmo espazo no que eles estudan, foi cando fun descubrindo a posibilidade de poder facer un libro baseado sobre todo nos espazos máis salientables do barrio do Calvario. E para iso, ademais dunha labor de documentación, tamén realicei algunha entrevista a persoas que a coñeceron e a trataron, sobre todo neste período no que ela era máis nova.
Coñeceu a Begoña en persona?
Eu a Begoña coñecín a través da literatura. Ela incorporouse bastante tarde no que atinxe á data de publicación do seu primeiro libro. Foron dous libros que me gustaron moito, tamén son crítico literario e me pareceron unhas contribucións extraordinarias para a época na que se publicaron, porque abrían un camiño de cuestionamento dos mitos, dunha lectura únicamente patriarcal, pasando por unha visión de carácter feminista. Daquela establecemos relación a través da crítica literaria, de motivos baseados na literatura. Eu, con todo, nunca pensara, nin moi de lonxe, realizar un traballo como este sobre Begoña, pero estou francamente moi contento, sobre todo da recepción, porque moita xente se achega ao libro sen saber quen era Begoña, sen saber tampouco que vivía no Calvario, que era unha veciña máis durante moitos anos.
Como recibiu a nova das Letras de Begoña?
Sentín unha alegría enorme, creo que o recoñecemento á figura de Begoña era algo que se facía necesario, polo seu exemplo ético e obra literaria. Merecía unha proxección como a que dá o Día das Letras Galegas.
Voltando ó libro, é para todos os públicos?
A escrita do libro responde á necesidade de expresar unha serie de ideas, de lugares, de vivencias de Begoña. É un libro que está baseado sobre todo en determinados espazos concretos. E a partir de aí, é cando se desenvolve esa conexión que Begoña tiña con eles. Eu, cando redactei, non pensaba nun lector infantil, nin xuvenil, nin tampouco adulto; simplemente foi así. E a interpretación que dá o ilustrador Carlos Gallego, que é moi importante, é unha interpretación un pouco de fronteira. Pode parecer que sexa un libro de carácter xuvenil, pero na realidade non o é. Desde logo, está bastante lonxe da miña intención. Non é un libro estritamente divulgativo para alumnado. É un libro divulgativo destas vivencias da primeira Begoña, pero creo que si se pode chegar e de feito comentámolo ou fixéramos ver a través do feedback de lectores e lectoras de certa idade que descubren ou redescobren tanto a figura de Begoña como os lugares e espazos nos que ela viviu.
Unha reivindicación no tempo e no espazo…
Exactamente. Tamén o feito de que o noso barrio é fundamentalmente progresista, un barrio de historia proletaria, co Concello de Lavadores ao que pertencía. Eu fago esa lectura de que ese carácter rebelde e estar sempre coas causas máis progresistas e xustas é o que Begoña viveu nestes primeiros anos de vivencia. O humus vén de ahí.
Contenido patrocinado
También te puede interesar