Óscar Lomba: "É necesario un parque público de vivenda social en alugueiro para baixar prezos"
Óscar Lomba é o secretario do Sindicato de Inquilinos de Vigo e Baixo Miño
O Sindicato de Inquilinos de Vigo e Baixo Miño naceu da desaparecida Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) nun momento no que os prezos de alugueiro na cidade están en máximos. O seu secretario, Óscar Lomba, visitou Atlántico TV para falar desta organización.
Por que nace este colectivo?
Malia existir unha morea de lexislación que protexe claramente o dereito a unha vivenda, no Estado español é un dereito fundamentalmente desprotexido. Nos últimos tempos tiveron lugar unha morea de desafiuzamentos, o prezo dos alugueiros increméntase de maneira vertixinosa... E fronte a isto, os poderes públicos non fan o suficiente para impulsar un parque de vivenda público e nunhas condicións dignas. É máis un ben de consumo e investimento que un dereito humano. Por iso impulsamos o Sindicato de Inquilinos de Vigo.
A cantas persons agrupa?
Arredor de 30. É un proxecto que está iniciándose. Demos o paso porque moitos de nós no seu momento formamos parte da Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Cando faleceu a súa voceira, Carlota Pérez, sufrimos un parón e despois dun proceso de reflexión, decidimos dar un paso adiante e voltar a impulsar unha organización que defenda os intereses das persoas para que poidan acceder a unha vivenda digna.
Aproximadamente, en canto está o alugueiro medio en Vigo?
É dificil atopar un alugueiro por menos de 600-700 euros. Habendo salarios que rara vez superan os 1.000 euros, é complicado para unha persoa, especialmente para as máis novas e as que viven dunha pensión, facer fronte a un alugueiro desas características. Por iso defendemos unha serie de demandas como a estabilidade do alugueiro, a regulación dos prezos, a mobilización das vivendas baleiras, o aumento do parque de vivenda pública en réxime de alugueiro, que os gastos derivados do alugueiro sexan asumidos polo arrendador ou a limitación das vivendas de uso turístico.
Hai un exceso de vivendas turísticas en Vigo?
Si, e noutras cidades como Santiago de Compostela tamén. E que provoca iso? Turistificación e xentrificación, o que fai que as persoas en certos barrios que tiñan alugueiros razonables teñan que desprazarse a outros lugares para atopar vivenda, moitas veces con dificultades. En Vigo prometeuse construír vivendas de protección oficial e non só non se fixo, senón que se venderon moitas das que había, e iso parécenos preocupante.
Ve na ampliación de Navia unha posible solución ao problema das vivendas sociais?
Parécenos insuficiente. Cremos que é importante que o conxunto das administracións públicas e, fundamentalmente, Concello e Xunta, tomasen as medidas oportunas para mobilizar vivendas baleiras con mecanismos como os que aparecen na nova Lei de Vivenda. Se hai vontade política, pódense facer moitas cousas. E todos sabemos cal é a situación da xente nova que quere independizarse e non ten acceso a esa vivenda digna.
A lei de vivienda axudou a solucionar algúns destes problemas?
É un avance. Crea ferramentas, pero o problema é que as administracións públicas non teñen a vontade política de utilizalas para crear un parque público de vivenda e controlar os prezos dos alugueiros.
Cómo ha afectou aos inquilinos a inflación e a suba dos tipos de interese?
Afecta directamente. Hai un compañeiro da plataforma que está pagando unha hipoteca e a mensualidade é de 700 euros. Iso é complicado para unha persoa que ten un salario que non supera os 1.200-1.300 euros, é unha situación dramática.
Cales son as medidas máis urxentes para atallar o problema?
Nós pensamos que a medida necesaria sería mobilizar as vivendas baleiras e crear un parque de vivenda público en réxime de alugueiro. Os concellos poden facelo, a Xunta ten recursos suficientes. Se existise este parque público de vivenda con alugueiros a prezos alcanzables, o resto dos axentes do mercado terían que baixar os prezos porque habería unha competencia das administracións públicas.
Ve esa intención por parte dos poderes públicos?
Sería positivo que o Sindicato de Inquilinas vaia tomando forma e forza para facer campañas e presión para que as administracións tomen medidas nesta situación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Religión
Bouzas recupera su Semana Santa
HOMENAXE Á ESCRITORA DAS LETRAS GALEGAS
O Pombal estrea a obra teatral sobre Begoña Caamaño da primavera das letras