Judith Alonso: “Esta non é unha distinción a dous centros, senón a todo o ensino público de Coia”
Vigueses Distinguidos
“Aos seguintes 50 anos pídolles que o ensino público de Vigo siga estando aí, ben valorado e ben tratado”
A directora do IES Alexandre Bóveda celebra non só este nomeamento, senón tamén o 50 aniversario do centro e a homenaxe dunha exalumna ilustre como Begoña Caamaño por parte da RAG polo Día das Letras Galegas.
Como sentou no instituto esta distinción un pouco agardada?
Algo nos contaran dende o Concello porque hai o costume de dar esta distinción cando se cumplen 50 anos. A xente do claustro que non o sabía alegrouse moito. A maioría somos de Vigo e fainos moita ilusión que o noso traballo teña ese recoñecemento.
Hai moito que celebrar no Alexandre Bóveda: 50 aniversario, Vigués Distinguido, Begoña Caamaño, exalumna do centro, homenaxeada polas Letras Galegas...
Non estaba mal que foran ano a ano (risas). O 50 aniversario é moi ilusionante para o centro e o equipo directivo porque representa toda esa bagaxe histórica dun lugar que non é só un centro educativo. É parte da historia de moitos veciños do barrio. Hai milleiros de persoas que pasaron por alí e que saben que unha parte, normalmente moi fermosa, da súa historia vital, está vencellada ao centro. E o de Begoña pois cadrou así, foi alumna nosa na súa etapa de BUP e COU e tivo a unha profesora moi significativa para ela como Carme Panero, que a axudou a iniciarse na literatura.
Comparten nomeamento co seu veciño, o IES Álvaro Cunqueiro.
Sorprendeunos que tamén recibiran o premio porque non cumplen 50 anos pero nos fixo ilusión compartilo porque non é un premio a cada un dos centros individuais, senón ao ensino público de Coia, un barrio que aglutina a milleiros de persoas de Vigo. Estamos plantexando algunha actividade en común con eles para celebralo, pero aínda non temos nada pechado. Temos unha rivalidade sá con eles, pero tamén moito en común.
Que lle pide a outros 50 anos de educación pública en Coia?
Primeiro de todo, que o ensino público siga sendo relevante e ben valorado. Non ten que ver nin con nós nin con Galicia. Unha das mellores cousas que podemos valorar en España, xunto coa sanidade pública, é a educación. Como xa nacemos con iso, ás veces parece que non o valoramos. Eu mesma son un produto do ensino público: son filla de ama de casa e cristaleiro. Co que gañan non podería ter costeado os meus estudos superiores, pero grazas ao ensino público e ao sistema de becas agora estou traballando de algo que me gusta. Así, aos 50 anos seguintes pídolles que o IES Alexandre Bóveda e o resto de institutos da cidade sigan estando aí. Que o ensino público siga sendo ben valorado, mellorado e ben tratado e que os alumnos de Vigo estean orgullosos de ir á escola pública.
Contenido patrocinado
También te puede interesar