Henrique Monteagudo: “As letras galegas non se entenden sen a enorme achega das mulleres”
O presidente da Real Academia Galega achegouse a Vigo o luns para a presentación da Primavera das Letras de Begoña Caamaño
Henrique Monteagudo é o presidente da Real Academia Galega dende abril do ano pasado, e vén de presentar en Vigo a primeira homenaxe a Begoña Caamaño, recoñecida polo Día das Letras Galegas.
Como foi a acollida da presentación no CEIP O Pombal da “Primavera das letras” de Begoña Caamaño?
Foi unha acollida magnífica, como son sempre nos centros educativos onde facemos estas presentacións. Desde que no ano 2016 lanzamos esta iniciativa, pensada para o público infantil, Primavera das Letras, sempre as presentamos nun centro educativo e sempre temos unha acollida marabillosa, co profesorado entregado e preparando todo. Son actos realmente moi emocionantes, como foi o do luns.
Este é o inicio, que máis actos podemos esperar?
Por parte da Academia nos lanzamos isto, esta plataforma, “Primavera das letras”, que ofrece material didáctico, educativo e lúdico, tamén, pensado especificamente para ese público. Tamén temos un portal das palabras que está máis ben pensado para un público de bacharelato ou adulto, onde se traballarán termos relacionadas coa obra de Begoña. A obra narrativa de Begoña Camaño unha das características é que ten unha lingua moi coidada, e iso dá xogo, porque ten un léxico moi bonito para traballar con el. Logo temos o noso acto, o 17 de maio, temos o simposio de fin de ano, de balance do que se fixo e o que se avanzou na difusión da súa obra. Na Academia, cando falamos do Día das Letras Galegas, nós poñemos o santo ou a santa pero é a parroquia quen fai a festa. A partir de aí son as institucións galegas, as asociacións culturais, os distintos colectivos, os que celebran a súa figura, cada un a súa maneira e ao seu gusto. Este ano a figura de Begoña creo que interpela bastante o mundo da comunicación, porque ela foi xornalista, e sei que o Colexio de Xornalistas prepara algo... Nós nestes caso o que facemos é acompañar esas iniciativas e, por suposto, estar a dispor delas para o que poidamos axudar.
Por que se lle adica ás Letras Galegas a Begoña Caamaño?
Pois na xustificación que se fai da figura hai que ter en conta que os nos estatutos din que a figura das Letras Galegas ten que ser exemplar como cidadán ou cidadá e ten que ter unha obra creativa de relevo, unha achega importante ás nosas letras. Begoña cumpre moi ben estas dúas premisas. É unha persoa que ten unha obra relativamente pequena, porque morre moi nova e revelouse como escritora máis maior. É unha obra pequena, pero ten a ventaxa de que é unha obra moi madura desde o seu comezo. É unha obra verdadeiramente extraordinaria. Logo ten unha traxectoria profesional como xornalista, como cidadán tamén, moi comprometida coas causas sociais, e co feminismo en particular no seu caso. Como xornalista, cremos que é moi interesante neste momento en que vemos como a desinformación é un elemento clave no desorde da nosa sociedade. Reivindicar un xornalismo profesional, independente, comprometido coa verdade e coa obxetividade. E coa lingua galega, claro, obviamente, porque ela desenvolveu o seu traballo sempre en galego. E creemos que, neste sentido, representa moi ben esa necesidade urxente que ten a sociedade hoxe de ter medios de comunicación comprometidos cos intereses da sociedade e da maioría social e non ao servizo de oscuros intereses difundindo mentiras.
Na súa faceta literaria, Begoña achégase á mitoloxía, como fixeron outros autores coma Cunqueiro, pero dende unha perspectiva que comparte con outras escritoras, nomeadamente Xohana Torres, de revisitar o mito repensando o papel da muller. Por que esta tarefa?
O mundo das letras é o da creación, a imaxinación e a fantasía. Creo que os mitos, que nos definen na raíz como cultura, teñen unha forza moi grande de interpelación. Creo que excitan moito a nosa imaxinación, pero ademais lanzan mensaxes que son moi profundos. Os mitos permiten moitas lecturas. A nosa cultura foise construindo en diálogo, con eses mitos e coa súa reinterpretación. No caso de Begoña, creo que isto é unha faceta moi interesante. A relectura faise nunha chave moi actual, que é a da muller. Nese mundo mitolóxico a muller claramente ten un papel marxinal, se lles reserva un papel pasivo, marxinal, secundario, ás veces incluso de meiga, como tramposas ou enganosas, frente ao heróe masculino, valente e arriscado. Ela propón unha relectura que calquera lector que estea minimamente familiarizado con eses mitos queda fascinado, porque che descubre outra maneira de ver esa historia. Evidentemente para as mulleres é moi importante, pero para os homes tamén porque lendo repensas como te relacionas coa túa parella. Ela é finísima nesto. Creo que é unha escritora maxistral.
Na segunda faceta, como xornalista, bótase en falta unha escolma do seu traballo…
Como te dicía antes a Academia pon a santa, pero a festa faina a parroquia. Vemos en Begoña valores que son importantes para a sociedade de hoxe, pero realmente o que escollemos é unha figura das Letras.
En que situación ve o galego, agora que se achegan as escolas?
Pois con moitísima preocupación, porque os datos son realmente moi alarmantes. A academia xa leva moito tempo pedindo un modelo educativo máis amable, máis cariñoso co galego. O decreto que está en vigor, desde o momento en que se aprobou, a Academia percibiu que ía ter un efecto prexudicial para a lingua. Lamentablemente a evolución dos feitos nos están dando a razón, gostarían de estar enganados pero non é así. Esperamos que a reflexión na que está a Xunta da Galicia, a través da revisión do Plan Xeral de Normalización, conduza a unha revisión dese decreto a repensar cál ten que ser o marco. Primeiro o marco lexislativo da presenza do galego no ensino e despois o tipo de políticas que son imprescindibles para apoialo. Non se trata solamente da lingua das clases, tratase tamén de producir, de polo ó alcance e facelo asequible para a infancia e a mocidade, con recursos de todo tipo en lingua galega. Cremos que fai falta unha política máis activa por parte das institucións menos reticente cara o galego. O apoio ó galego non pode ir sempre acompañado desa reticencia “estamos polo galego pero non pola imposición”, “estamos polo galego pero estamos contra o monolingüismo”, “estamos polo galego pero estamos contra a inmersión”. Se estamos polo galego, estamos polo galego. Non estamos contra nada nin contra ninguén.
Nalgunhas ocasións parece que hai palabras de diferentes zonas, como ‘bochechas’ de Vigo, que non acaban no dicionario.
Bochechas non está? Tamén se di en Muros! Esa queixa oímola moitas veces. O que acontece é que nós estamos facendo un dicionario xeral da lingua galega. É verdade que ese dicionario que agora ten 60.000 entradas debería ter seguramente o dobre. Hai xente que di “se non está no dicionario da Academia non é galego, non é correcto”. O que está no dicionario da academia é galego, é correcto, pero iso non significa que o que non está non sexa galego, non sexa correcto. Hai que ter moito coidado con isto. É un dicionario que traballa por inclusión, non por exclusión.
Contenido patrocinado
También te puede interesar