Gabriel Lezcano: “Non me sinto profeta na miña terra, en Suecia consideran a un músico como un profesional”
Compositor vigués en Estocolmo
Volveu a casa por vacacións e pasou polo set de Atlántico TV para falar sobre os seus proxectos musicais que levan cantigas galegas ao país nórdico
Gabriel Lezcano Míguez (Vigo, 1978) é un compositor afincado en Suecia. Comparte nome co seu pai, un xogador de referencia no Real Club Celta. Volveu a casa por vacacións e pasou polo set de Atlántico TV para falar sobre os seus proxectos musicais que levan cantigas galegas ao país nórdico.
Como foi que acabou en Suecia?
Para pasar dun país a outro adoitan darse moitos factores. A miña muller é sueca, filla de chilenos. Viviamos en Barcelona por motivos laborais. Naceu a nosa primeira filla e xa estabamos algo agobiados nesa cidade por tema de ruídos e polo turismo masivo. Presentouse a oportunidade e marchamos para alá.
Dende que vive alí ten levado a música galega e a española ás latitudes nórdicas.
Teño varios proxectos abertos e unha das miñas obsesións é mostrar a cultura galega fóra das fronteiras. Co meu proxecto persoal busco que o público poida desfrutar coa nosa cultura. Teño un repertorio con temas en galego, algunha canción en español e tamén imos incorporar o catalán e o euskera. É unha responsabilidade, unha lousa que me boto eu mesmo enriba, autoflaxélome. Tento amosar música de cámara en galego con Marcial de Adalid ou con “Negra sombra” de Juan Montes.
Ás veces hai que ir fóra para que valoren a diversidade de España.
Si. Eu non me sinto profeta na miña terra. Para min é un honor poder amosar a nosa cultura, ver como en Suecia se escoitan temas tradicionais da miña terra como “Lela”.
Vigo é unha cidade de grande tradición de corais. Semella que en Suecia tamén acontece.
Alí a tradición de corais é moi besta. Todo mundo pertence a un coro, é a primeira opción como actividade de tempo libre. Hai coros profesionais, pero a maioría son amateur de moita calidade. En cada barrio, igrexa ou comuna (os concellos) existen un montón de coros.
Do que non hai tradición é de zarzuelas, un xénero que está a introducir.
Hai concertos nos que se introducen pequenas pezas de zarzuela, pero nós plantexamos unha montaxe con argumento e estrutura de zarzuela, penso que é a primeira desta xénero que se representa en Suecia. É algo que me apaixona e preténdoo introducir pouco pouco no mundo da lírica. En principio tivo moi boa acollida.
Pode vivir da música?
É algo difícil en todo o mundo. Actualmente podo dicir que si. Hai que estar en diferentes cousas para poder ter boa calidade de vida. Eu levo cinco coros e varios proxectos exteriores. É moito traballo pero feito con gusto, é unha paixón. Alí considérase o músico como un profesional de referencia, algo que nos falta aquí.
Como es Suecia para residir?
Ten cousas marabillosas e outras, que non o son tanto. No inverno é difícil levar a escuridade. Que se faga de noite ás tres da tarde afecta ao carácter e a sociabilidade. Eu por sorte como estou coa miña familia e as amizades galegas. Somos quen de conservar esa alegría que ás veces falta no longo inverno sueco.
De feito coa comunidade galega chegaron a celebrar o 17 de maio.
Foi un momento moi emocionante, o ano pasado, no Instituto Cervantes. Coñecín alí a outro galego, Xesús Abalo, que presentou o seu libro “Cara o norte”. Eu interpretei temas de Rosalía e “María Soliña”. Escoitar todo un acto en galego en Suecia foi un orgullo.
E unha pregunta obrigada, como celtista e músico, que lle parece o himno de C. Tangana?
Ao principio era un pouco escéptico. Aínda que me parece interesante o que fai, pensei que ía cantar el e non o vía. Partimos de que é unha responsabilidade terrible escribir un himno que abranga tanto. O que máis me gustou foi esa fusión de modernidade e tradición, pero aínda teño que escoitalo moitas veces máis.
O seu pai está moi vencellado ao club como ex-xogador e adestrador. Que lle pareceu a el?
O meu pai é moi tradicional. Ten outras opinións pero sempre respecta a dos demais. É un fanático do Celta. Está moi ilusionado co centenario porque se sinte parte da historia do club.
Contenido patrocinado
También te puede interesar