Carmen García Mateo: “Estamos preparados para poñer en marcha todos os estudos de Medicina”
Universidade
A catedrática de Teoría do Sinal busca enriquecer a experiencia vital dos estudantes “para que sexa completa”
A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións, Carmen García Mateo (Vigo, 1963), lidera a candidatura de Nós-Universidade para a Reitoría da UVigo baixo o lema “Todas as persoas, unha universidade”.
Recuperará a vicerreitoría de Economía e introducirá unha sobre Docencia e Transformación Educativa. Por que?
A primeira medida que tomaremos cando cheguemos será facer unha auditoría económica. Temos advertido ao longo destes anos de que a situación económica non é a que nos están dicindo. Ademais, entramos nunha negociación coa Xunta para o novo plan de financiamento, polo que queremos reforzar esa parte. Por outro lado, estamos nun escenario cambiante no que ademais de aparecer constantemente ferramentas tecnolóxicas novas, como a intelixencia artificial, tamén temos o reto da crise demográfica e a baixada do alumnado. Cremos que temos que reenfocar toda a nosa docencia, por iso poñemos esta vicerreitoría, que incluirá non só metodoloxías, senón tamén espazos ou dotacións.
Que cambio cre que é máis urxente?
Hai moitísimas dificultades no día a día de todo o persoal. Necesitamos unha renovación e unha reformulación das nosas normativas e a súa codificación dixital. Trátase de de adaptarnos ao que é unha universidade do século XXI en termos de axilidade nos procedementos.
Un dos eixos do programa é a adaptación da Universidade á intelixencia artificial. Que medidas concretas propón neste eido?
O noso programa baséase en non improvisar. Queremos ir tomando as decisións mediante análises profundas e a partir de aí establecer responsables, cronogramas e revisión. A incorporación da IA á docencia e a xestión non pode ser de forma precipitada. Pero o que temos claro é que as ferramentas de IA estean enmarcadas nos nosos sistemas informáticos, non queremos depender de IAs nas que os nosos datos estean fóra da Universidade. Neste momento xa hai en marcha proxectos piloto de incorporación de IA na docencia e seguiremos esa senda para estendelos a todas as titulacións.
Fala da necesidade de transformar a UVigo tras oito anos de goberno de Reigosa. En que estado diría que se atopa a Universidade?
Eu diría que somos unha universidade excelente tanto en innovación como en transferencia e docencia. O que pasa é que queremos ser mellores. E para iso, mellorar a nosa xestión é moi importante porque vai posibilitar que os nosos investigadores non estean atrancados en burocracia e procedementos continuamente de forma que interrompe o fluxo de traballo. O mesmo pasa con todo o relacionado coa docencia. Queremos seguir a senda da excelencia, pero con mellor xestión e mellores ferramentas.
Tamén fala de menos catálogo e maior dirección compartida. Significa iso que a UVigo debe perder titulacións para medrar?
Non. Non significa menos en número de titulacións, senón en non poñer o foco en se temos unha titulación concreta ou outra. Queremos facer unha oferta completa e moi interiorizada cos nosos centros que cubra as necesidades de formación que nos esixe a sociedade. Non queremos enfocarnos en gañar segundo que títulos. E ademais buscamos que a oferta académica sexa moito máis flexible e poder abrila a outros colectivos.
A remuda xeracional xa é un reto practicamente a curto prazo da Universidade. Como plantexa acometer esta transformación?
Vai afectar por igual tanto ao persoal de xestión como ao persoal docente. Na xestión, claramente pode ser visto como unha crise porque perdemos talento e coñecemento. Nos vindeiros seis anos xubilaranse un terzo dos traballadores. Pero pode ser tamén unha oportunidade para incorporar talento novo. E debe facerse dunha forma planificada e ordenada para que os postos non queden sen esa transferencia do coñecemento. Pola parte do persoal docente e investigador, creo que temos canteira de investigadores para poder ofrecer estabilización, pero tamén temos que ser moi fortes en captar talento de fóra para esa remuda e para completar e fortalecer os ámbitos que consideremos estratéxicos.
O persoal de administración está descontento. Como pensa reconducir a situación?
Hai que tender pontes cos representantes dos traballadores para negociar todos os temas, que teñen que ver co clima laboral. Se non hai un bo entendemento entre equipo de goberno e persoal, estamos nesa situación de pobre clima laboral. Temos que ter clara a remuda xeracional poñendo en marcha OPEs anuais. Tamén temas como a carreira horizontal, con incentivos para facer o seu traballo. E iso ten que ir da man de cousas como plans de formación, aos que hai que darlle un bo pulo. Todo pasa por unha mellor organización.
Dedicará unha vicerreitoría á vida universitaria. Que medidas pensa impulsar neste eido?
Un dos nosos obxectivos é que a experiencia vital dos estudantes da UVigo sexa unha experiencia completa, non só estudar e sacar a carreira adiante. Para iso temos que prestar especial atención á calidade das instalacións. Nomeadamente voume referir ás bibliotecas. Temos que pasar a consideralas non só espazos para estudo individual, senón tamén para traballar en proxectos ou de interrelación de estudantes de distintas titulacións. Outro punto que resaltaría é a atención psicopedagóxica. Nos últimos anos a Universidade deixou de prestarlle tantos recursos e nós non queremos que ninguén deixe os estudos por falta de recursos ou de atención.
Que plans ten para o campus Vigo Tecnolóxico e o Campus do Mar da ETEA, que están en pausa?
Creo que hai que reactivalos. O Campus do Mar é un ecosistema de investigación mariña no que a UVigo lideraba e ten que seguir liderando. Ten que colaborar cos outros parceiros en darlle ese pulo que necesita o ecosistema de investigación mariña. Tamén está a parte de docencia. A docencia de máster e doutoramento está moi ligada á investigación, polo tanto o Campus do Mar necesita ser ese instrumento de coordinación de todos os axentes e que estea liderado pola UVigo. Esperamos ser nós os que poñamos en marcha actividades na ETEA. Por parte de Vigo Tecnolóxico, tamén lle falta un pulo para que sexa o orquestrador de toda a investigación en tecnoloxías que se fai nas escolas de enxeñaría.
En 2029 tocará tomar unha decisión sobre Medicina: máis descentralización ou titulación propia. Cal é a súa postura?
Estamos preparados para poñer en marcha estudos de Medicina de grao, posgrao e doutoramento. Esa será a nosa postura en 2029 se non antes, porque hai que ver como vai este acordo de descentralización. Creo que temos mimbres suficientes, pero necesitamos que o financiamento estea garantido cunha dotación económica importante. Temos profesorado para as materias máis básicas en Ciencias e temos moi boas conexións no hospital en termos de investigación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último