Digna Rivas: "A miña avoa ensinoume que nesta casa as cousas se demostran con feitos"
A súa traxectoria política comezou no ano 2011, cando foi elixida concelleira en Redondela polo PSdeG-PSOE
Digna Rivas finalizará dentro de menos dun ano o seu segundo mandato na Alcaldía do Concello de Redondela. A súa traxectoria política comezou no ano 2011, cando foi elixida concelleira en Redondela polo PSdeG-PSOE. En 2019 encabezou a candidatura socialista nas eleccións municipais, o que a levou a converterse en alcaldesa, un cargo que revalidou no ano 2023.
Como valora este segundo mandato ata o momento?
Está a ser moi diferente. O primeiro foi a primeira vez que asumía a Alcaldía e esa transición nótase. Agora vese doutra maneira. Agora teño aínda máis claro o que merece este concello e polo que está a loitar este equipo de goberno: o futuro de Redondela e esa transformación que creo que xa se está a percibir en moitos ámbitos. Poderiamos definir este segundo mandato como un mandato de madurez. Teño máis seguridade, máis ilusión e máis confianza na capacidade de transformar Redondela. E tamén sinto a confianza da veciñanza, que para min é o máis importante para continuar aquí.
En que aspectos se fortaleceu Redondela respecto do anterior goberno popular?
Eu non vou falar de ninguén. Neste caso, sempre me escoitarás falar do que estamos a facer eu e este equipo. A diferenza está en que eu me debo á veciñanza. Iso cambia moitas cousas. Eu creo niso e así se está a facer. A transformación de Redondela non é algo que diga eu; é unha satisfacción cando vas por aí e a xente responde: “Redondela? Había moitísimo tempo que non ía. Que cambio! Que bonita! Que ben está!”. Agora estamos traballando nesa pavimentación de 68 camiños. Mais esa transformación tamén chega ás persoas. Falamos de dereitos que a cidadanía merece ver recoñecidos. Moitas das actividades e accións que se están a realizar son gratuítas, para que a xente poida acceder a elas por democracia, por liberdade e por dereito. Esas son as nosas finalidades.
Como están a ser as relacións co BNG despois de que a formación retirase o seu apoio ao goberno local?
Ao BNG eu sempre lle vou ter palabras de agradecemento. Son unha persoa agradecida, humilde, con principios e valores. Se non fose polo BNG, non estariamos gobernando. En todos os concellos sempre hai máis tensións e máis dificultades para chegar a acordos. Esa é a miña responsabilidade e niso coincido co BNG: a tarefa e a obriga de chegar a acordos é miña. Intento facelo o mellor posible, pero de verdade que do BNG o único que podo dicir é grazas.
O transporte escolar é un problema en Redondela, e mesmo vostede se reuniu en varias ocasións coa Xunta para tratar este asunto. Hai algunha novidade agora que imos iniciar un novo curso escolar?
Non, non hai ningunha novidade. Son dous temas: as competencias e os dereitos. As competencias que estamos asumindo non nos corresponden. Pero volvemos ao principio: a quen me debo? Á veciñanza de Redondela, que é a miña prioridade. Creo que somos o único concello de Galicia que asinou un convenio con taxistas para o bacharelato. Por que? Porque non é competencia dos concellos. A competencia en educación corresponde á Xunta. Estamos falando dunha actuación de gran envergadura que tivemos que asumir, pero había que facelo polos dereitos da veciñanza.
Como está a ser a relación coa oposición?
O “non” polo “non”. Case todo o que vai ao pleno vótase en contra. Estou a falar da orde do día, de cuestións importantes para a veciñanza. Falamos de camiños e de contratos importantes para Redondela. É algo continuo, dá igual que se fale. Eu estiven na oposición oito anos. O Partido Socialista nunca votou en contra dos interesesda veciñanza. A xente quere solucións, quere que traballemos, quere ver realizadas as cousas que pide ou necesita. Iso é o que teño que facer. Non vou perder o tempo en acusacións ou afirmacións que son falsas. A miña avoa ensinoume que nesta casa as cousas se demostran con feitos, e iso é o que vou facer.
Hai algún novo proxecto á vista para Redondela no caso de continuar como alcaldesa?
Hai algúns proxectos que xa están en marcha, como os proxectos europeos do PAI. Están incluídos o museo, o mercado de Redondela, o centro sociocultural de Chapela e os camiños seguros en Laredo. A maiores, hai humanizacións que forman parte destes proxectos europeos. Somos dos poucos concellos aos que lles aceptaron e aprobaron integramente todo o solicitado. Agora o que toca é executalo nun prazo de catro anos. O primeiro foi o museo, que me custou moitísimo sacalo adiante porque no pleno se votou en contra da achega municipal dese 40 % que nos corresponde poñer, pero finalmente solucionouse.
Que me pode dicir sobre o Plan Xeral? Hai algunha novidade?
Estamos dentro dos prazos que marcaramos. Entregóuselle ao equipo redactor toda a documentación relativa ás alegacións, así como ás autorizacións que nos foran solicitadas e que tiñamos que modificar. Todo iso xa foi remitido ao Concello e o seguinte paso foi envialo aos organismos correspondentes. Agora estamos nesa fase de agardar polas respostas dentro dos prazos establecidos. Mentres tanto, imos manter reunións co resto dos grupos políticos para continuar coa dinámica: informar da situación do Plan Xeral e intentar cumprir os prazos previstos.
Hai algunha iniciativa prevista para as zonas non urbanas de Redondela, ademais do arranxo de pavimentos ou das rozas?
Nas parroquias hai actuacións concretas previstas. Por exemplo, en Chapela está proxectado o centro sociocultural e tamén a humanización dos camiños escolares que vai desde a Avenida de Vigo ata o Colexio de Laredo. En Cabeiro e no contorno do Porto de Cabeiro tamén hai actuacións importantes; falamos dun investimento próximo ao millón de euros nesa parroquia. Á parte está a propia estrada, onde xa comezaron os traballos de humanización, e a actuación no contorno do colexio, que servirá para mellorar a accesibilidade, priorizar as persoas peóns e reforzar a seguridade dos nenos. Hai proxectos concretos xa definidos e outros pendentes de executar. Pero agora o máis importante son os camiños, vías que levan máis de vinte ou trinta anos sen un mantemento adecuado. O plan actual supón máis de 2.700.000 euros e, aínda así, somos conscientes de que queda moito por facer.
Volverá presentarse ás próximas eleccións?
Vou seguir aquí mentres a veciñanza queira. É algo no que agora mesmo non estou a pensar. Non estou pensando na campaña, nin en que vou facer ou deixar de facer, nin en se me vou presentar ou non. O único no que penso é en traballar, en sacar os proxectos adiante e en facelo o mellor posible.
De ser así, que obxectivos se marca para ese mandato?
O paseo litoral de Cesantes. Está agora mesmo pendente de que Costas do Estado nos confirme que o proxecto presentado é correcto para poder publicalo e iniciar toda a tramitación das expropiacións que lle corresponden ao Concello. A obra, unha vez completados eses trámites, executaríase por parte de Costas do Estado. Considero que é unha actuación importante non para min, senón para todo Redondela. É un proxecto que debe unir o centro urbano co mar, coa costa e con Cesantes.
Ve vostede posible un novo goberno local socialista?
Volvo repetir: iso depende da veciñanza e da valoración que faga do noso traballo. Non é unha cuestión de que nós queiramos ou non, senón de que a cidadanía decide democraticamente, algo que temos que respectar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar