Unha asociación que loita polo legado do Carballo das Cen Pólas
Reboreda acolleu onte a presentación dunha nova entidade que xurde co obxecto de defender o patrimonio desta árbore
Reboreda acolleu onte a presentación dunha nova asociación que xurde co obxecto de “defender o patrimonio natural e etnográfico que rodea a figura do Carballo das Cen Pólas”: a Asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas. Este acto de presentación contou coa música do pianista Alberto Vilas, de Redondela, quen ofreceu un concerto cos temas do seu último traballo “Once cancións e unha danza”, tales como “A danza das Espadas”, “A Rianxeira”, “Ven bailar Carmiña” ou “Catro vellos mariñeiros”. O artista contou coa compañía da Cristina Suárez, que lle puxo voz aos seus temas.
A Asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas está formada por José Carlos Rodríguez, Andrés Couñago, Mirian Rodríguez, Javier Vilas, Manuel González, Carme Alonso e Emilio Alonso. Unha entidade que ten como fin a defensa do patrimonio natural e etnográfico que rodea a figura do Carballo das Cen Pólas, así como a promoción da cultura popular xerada ao redor da súa figura, rescatando do esquecemento e revitalizando aquelas manifestacións que polo paso do tempo se foron esmorecendo, pero que aínda permanecen vivas na memoria da xente.
Esta asociación tamén ten como obxectivo a edición de publicacións e folletos de carácter divulgativo así como a organización de exposicións, conferencias e celebracións ao redor da figura do Carballo das Cen Pólas. O coidado do eido no que se atopa esta árbore centenaria, así coma toda a flora vexetal existente no seu entorno tamén é unha das suas prioridades. Márcanse ademais obxectivos concretos como propiciar a plantación dun novo carballo que sustitua ao actual, seco desde hai 35 anos.
Para levar a cabo estes fins, a asociación quere organizar actividades como a creación dun auditorio ao aire libre en colaboraicón coas administracións para celebrar un encontro lúdico anual ao pé da árbore para poñer en valor a relevancia cultural do entorno ou a organización dun xantar anual de confraternidade debaixo do carballo, tomando como referencia o xantar descrito por Otero Pedrayo na súa novela “O señorito da Reboraina”.
Os integrantes da asociación tamén anunciaron a creación de dous premios anuais: un para recoñecer a unha persoa de relevancia na parroquia e outros que servirá para distinguir a unha persoas relevante da cultural que se distinga pola defensa do patrimonio natural, cultural e lingüístico de Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último