David Alonso quere construír o Porriño “de dentro de 10 anos”

O candidato socialista di que vive na vila e sae a rúa para falar coa xente “do que funciona e do que non funciona”

David Alonso, con Regades e Carmela Silva.
David Alonso, con Regades e Carmela Silva. | Atlántico

David Alonso Bargiela será o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía do Porriño nas eleccións municipais de maio de 2027. O actual portavoz socialista no Concello afrontará a candidatura co obxectivo de construír unha alternativa de goberno ampla, solvente e pegada á realidade do municipio. Alonso vén de recibir o respaldo do secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, quen afirma que estamos “diante dun candidato moi capacitado, cun profundo coñecemento da súa terra e un compromise absolute coa súa veciñanza”. Enfrente estará de novo Alejandro Lorenzo, do PP.

Alonso chega a esta nova etapa despois de varios anos de traballo desde a oposición, de fiscalización da acción do goberno municipal e de presentación de propostas en ámbitos como a vivenda, o saneamento, o transporte, a educación, os servizos públicos, as parroquias, o medio ambiente ou Protección Civil.

“Preséntome para construír unha maioría capaz de gobernar O Porriño e demostrar que hai outra maneira de facer as cousas”, afirma David Alonso. “O Porriño dispón dun potencial económico, industrial e social extraordinario que debe aproveitarse moito mellor”. “O verdadeiro reto é decidir que Porriño queremos dentro de dez ou quince anos e empezar a construílo agora”. O voceiro socialista conclúe que chegou o momento de “arremangarse de verdade pola xente do Porriño”. David Alonso manterá encontros con asociacións veciñais, entidades das parroquias, empresarios, autónomos, comerciantes, traballadores, sindicatos, colectivos sociais, clubs deportivos, entidades culturais, maiores, mozos e profesionais de distintos ámbitos. “Eu vivo no Porriño e fago aquí a miña vida. Paseo polas súas rúas coa miña muller e coa miña filla, compro nos seus comercios, falo cos veciños e escoito cada día o que preocupa á xente. Cando saes á rúa, a xente coñécete, párate e cóntache o que funciona e tamén o que non funciona. Para min iso é imprescindible. Nunca quero perder esa proximidade".

Contenido patrocinado

stats