Masiva protesta en Pontevedra en defensa do ensino público
Máis de 2.000 profesores de centros de toda a provincia manifestáronse ata a sede da Xunta por “máis persoal e ratios axustadas”
Máis de 2.000 docentes de centros educativos de Pontevedra, da súa comarca, e de Vigo, secundaron a manifestación en defensa de máis persoal no ensino público e mellora das condicións laborais convocada polos sindicados CIG y STEG.
Os profesores saíron desde a porta do IES Valle Inclán, no que mantiveron un encerro 80 docentes durante a xornada de folga de onte, e uns 20 permaneceron durante toda a noite. Sen embargo, sobre as 8 da mañá abandonaron o centro para non entorpeder a actividade lectiva.
A continuación, percorreron o centro de Pontevedra ata a sede teritorial da Xunta para facer oír as súas reivindicacións baseadas nas ratios “elevadas” e a falta de profesores especialistas para atender as necesidades especiais, maioritariamente. Marta Ferreiro, membro da Executiva da CIG, profesora de Tecnoloxía e unha das docentes que estiveron no peche, explica que “Levamos 5 anos co mesmo número de profesorado e as condicións mudaron moito, especialmente co alumnado de necesidades especiais. Facemos especial fincapé niso. A Xunta o que fai é metelos en aulas ordinarias sen apoios. Iso non é integración, é desatención”.
Respecto ás maiores necesidades dos centros educativos non universitarios da provincia, Marta afirma que “hainos con máis dificultades e con menos, sobre todo porque porque desdobres que se atendían, agora non se poden atender. Ademais, temos unha variedade multicultural elevada que tamén precisa atención”.
Os representantes sindicais dos docentes explican que “as baixadas das ratios é unha condición importantísima para a mellora do ensino público e quen máis o vai agradecer é o alumnado. Non queremos traballar menos, senon mellor”.
Os docentes non descartan máis mobilizacións.
A unidade de Infantil do CEIP de Caldas
Na manifestación da capital provincial participaron profesores de centros de Mos, Teis, O Salnés, Morrazo e de Terras de Pontevedra. Un dos máis reivindicativos foi o CEIP San Clemente, de Caldas de Reis, actualmente en loita coa Consellería de Educación para lograr unha segunda unidade de Infantil para atender a demanda dos 4 menores con necesidades especiais e que deixou a 2 nenos fóra este curso trala baremación.
César Longa, profesor de Música do centro, explica que teñen prevista unha reunión con inspección no mes de novembro para tratar o tema. Ademais, aseguran que o profesor de apoio que teñen está a media xornada, “co cal só atende ata o recreo”, afirma, e unha situación similar ocorreu coa docente de inglés que comezou en setembro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar