A Deputación aproba os 238,6 millóns de euros dos orzamentos
O Pleno provincial deu a luz verde inicial da partida “histórica” para o 2026 cos votos favorables do PP e en contra do BNG e PSOE
A Deputación de Pontevedra aprobou onte inicialmente os orzamentos de 238,6 millóns de euros para o vindeiro ano 2026 nunha sesión plenaria extraordinaria. Trátase, segundo a institución provincial, da partida “máis grande da historia” para a provincia cun incremento dun 13,6% de fondos e 29 millóns de euros máis que a do presente ano.
A proposta saíu adiante cos únicos votos favorables do PP e a oposición do BNG e o PSOE tras un debate tenso no que a esquerda criticou a baixa inversión en Vigo e Pontevedra, unha das bazas que defendeu, sen embargo, o voceiro popular Jorge Cubela. O deputado explicou a importancia dunha inxección sen precedentes de 128 millóns que se repartirán entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e os 7,6 millóns de euros para convenios de obras coas dúas cidades.
A este respecto, o deputado do BNG, César Mosquera, recordou que iso é debido ás transferencias dos fondos do Estado e denunciou que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de vías provinciais asinados pola Deputación nos últimos dous anos beneficiaron a concellos do PP.
A deputada do PSOE, Ana Laura Iglesias, recordou que o anterior goberno da Deputación fixo un reparto máis equitativo entre os concellos máis pequenos da provincia e criticou a falta de actividades na sede da institución provincial en Vigo, ademáis da baixa partida para a cidade.
A voceira socialista engadiu que o PP “presume de orzamento, mentres recorta en Igualdade, Cultura e Políticas Sociais e segue sendo incapaz de executar o que planifica”.
O presidente provincial pechou sesión engadindo que un de cada tres euros do orzamento irá destinado a apoiar aos municipios e reafirmou o compromiso de que entren en vigor o 1 de xaneiro.
Unha campaña provincial do 25N enfocada no machismo
‘O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo?’ é a campaña da Deputación con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A iniciativa adornará as fachadas da institución provincial nas sedes de Pontevedra e Vigo durante todo o mes.
Luis López explicou que “queremos poñer unhas lentes con perspectiva feminista e ter unha mirada axeitada sobre a violencia de xénero, unha das violacións dos dereitos humanos máis persistente e que precisa do traballo transversal por parte de todas as administracións” e engadiu que a Deputación debe defendelo os 386 días do ano.
Actividades
A institución provincial realizará actividades para espallar a igualdade e concienciar sobre as violencias machistas en centros escolares de Vilagarcía de Arousa, Vigo, A Illa de Arousa e Poio.
No centro penitenciario da Lama presentarase un mural de Alba Troiteiro; continuará o programa ‘Aquí Faltan Páxinas’ visibilizando a historia de Juaniña, Juana de la Cruz Domínguez, no Porriño, e das Nais contra a Droga en Vigo.
A maiores, entregaranse os II Premios ás Boas Prácticas en Igualdade o 13 de novembro no Pazo provincial; haberá un obradoiro sobre mulleres e sustentabilidade do mar no CEIP de Atín-Cela, en Mos, e terá lugar unha actividade da Cátedra de Feminismos o 20 de novembro na sede da Deputación en Vigo.
Por último, as sedes institucionais de Pontevedra e Vigo iluminaranse de morado entre o 24 e o 26 de novembro e o 25N terá lugar un acto no que se lerá un manifesto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar