Culturgal ofrece 225 propostas da vangarda galega
A Feira das Industrias Culturais de Galicia inclúe en Pontevedra, obras de teatro, literatura e música, na súa edición máis numerosa
Culturgal, a Feira das Industrias Culturais Galegas, abriu onte súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra con máis de 750 profesionais do sector e unha programación cunhas 225 actividades durante toda a fin de semana, entre espectáculos, proxeccións, presentacións de proxectos, obradoiros e mesas redondas.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou durante o acto inaugural a dimensión da cita, que este ano bate récords de actividade. O responsable autonómico fixo referencia á “gran vitalidade” da cultura galega, avalada polos numerosos premios nacionais e internacionais alcanzados en ámbitos como o audiovisual, as artes escénicas, as plásticas, a literatura ou a música.
Nesta edición, Culturgal chega á maioría de idade cun centenar de expositores, entre os que se atopan artesáns, librerías, artistas, etc, coa presenza institucional da Xunta, e as Deputacións de Pontevedra e A Coruña, entre outras.
Este ano, o evento reforza o protagonismo da música coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira, Felisa Segade e Óscar Ibáñez, ademais do regreso de Magín Blanco á música para adultos. O humor terá o seu oco esta noite ás 21.00 horas co espectáculo “Moito conto”, creado por Xosé Touriñán en exclusiva.
O cinema galego mostrará as súas estreas de 2025 e adiantos de 2026, mentres que as artes escénicas ofrecerán primicias de compañías como Chévere ou o Centro Dramático Galego. Unha das novidades é a presentación de “Pensión Incompleta”, a primeira serie na que se inclúen todas as linguas do Estado.
A literatura reunirá hoxe aos escritores Manuel Rivas e Suso de Toro, e o acto de clausura homenaxeará a Begoña Caamaño, protagonista do Día das Letras Galegas 2026.
A oferta incluirá, ademais, un ciclo de narrativa oral, recitais poéticos, máis propostas para os cativos incluído o primeiro festival de teatro infantil no que participarán centros escolares de toda Galicia. Os pequenos poderán coñecer a enxeñería a través dos xogos na “First Lego League”, na que participarán hoxe escolares de toda a comunidade, incluidos institutos de Vigo.
Tamén hai espazos de xogos de mesa para as familias e a posibilidade de ollar unha exposición de Castelao coa Realidade Virtual.
No recinto hai un área de videoxogos para experimentar e outra para os bebés, xunto a espectáculos de maxia e circenses, así coma un espazo para o baile.
As entradas para Culturgal teñen un prezo xeral de 3 euros con diferentes descontos e opcións de bonos para os dous días.
Contenido patrocinado
También te puede interesar