Corenta músicos da UVigo levan a música galega por todo o país

O campus de Pontevedra ten a Aula Permanente de Música Tradicional, na que persoas de entre 19 e 70 anos conforman unha orquestra profesional con zanfonas, gaitas, percusión e acordeóns

A orquestra do campus de Pontevedra durante unha actuación o pasado verán na Praza do Teucro.
A orquestra do campus de Pontevedra durante unha actuación o pasado verán na Praza do Teucro. | Atlántico

Dar a coñecer a música tradicional galega, formar a persoas de todas as idades nesa disciplina profesionalmente e cunha posta en escena diferente adaptada ao ano 2026. Eses son os obxectivos dos corenta membros do grupo da Aula Permanente de Música Tradicional da UVigo.

A formación impártese na Escola da Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra desde o ano 2018 e nela participan, na actualidade, persoas de entre 19 e 70 anos, procedentes da universidade e máis de fóra dela. Para este semestre están cubertas as 40 prazas. “Temos catro grupos: un de acordeón, outro de zanfonas, gaita e percusións”, explica o seu director, Suso Vaamonde. Ensaian todos os luns desde as 16.00 ata ás 21.00 horas e o grupo combina persoas ‘amateurs’ con outras con algo de experiencia. O único requisito é querer aprender e amar a música. “Establecemos este límite de prazas para garantir a calidade do ensino. Para o vindeiro curso abriranse de novo”.

A agrupación xa comezou os novos ensaios nos que preparan o vindeiro concerto de primavera, que será o 20 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. No repertorio tradicional inclúen desde foliadas ata a popular Muiñeira de Chantada e pasodobles, segundo Suso Vaamonde.

Esta combinación musical goza de éxito, tanto na cidade do Lérez coma noutras partes de Galicia. “Actuamos en Santiago de Compostela, Betanzos, Caldas de Reis ou mesmo na Serra de Outes”, afirma Suso Baamonde, quen confirma que hai moi poucas universidades que ofrezan esta formación.

A maiores, no ano 2023 púxose en marcha o grupo de música tradicional do campus, aberto tanto a participantes na Aula como a persoas alleas con coñecementos musicais. Esta formación traballa na preparación dun “repertorio versátil”, que lles permita tanto ofrecer “concertos máis de corte didáctico, nos que explicarlle a xente a historia da música tradicional en Galicia, como abordar un repertorio ao uso”, salienta a súa responsable, Marina Fernández.

A oferta do campus complétase co grupo de baile, con outras corenta persoas, dirixido pola mestra Montse Rivera, e que fan actuacións conxuntas coa Aula Tradicional de Música e mesmo co coro do campus, formado por 26 persoas. Todos eles actuarán xuntos durante as catro semanas de xuño polas vilas de Pontevedra mostrando con orgullo a tradición galega, que defende e cuida a universidade pública viguesa.

Futuras actuacións en Salamanca e Portugal

A Aula Permanente de Música Tradicional está pechando posibles actuacións coa Universidade de Salamanca e con outros centros de Portugal. “Facemos intercambios con outros grupos similares e gustaríamos mostrar o que facemos noutras partes de España”, explica Suso Vaamonde.

A máis recente actuación da sección de gaitas foi con Carlos Núñez o pasado mes de decembro en Pontevedra, no que interpretaron varias pezas da ‘Irmandade das Estrelas’. Trátase da terceira colaboración compartindo escenario co músico vigués e esperan que non sexa a última.

Dende o campus afirman que o grupo de baile mantén nestas semanas a súa matrícula para o segundo cuadrimestre, con diferentes prazos para a comunidade universitaria e para as persoas que xa participaron nel desde comezos do curso. No caso de quedar vacantes, ofertaríanse ao conxunto da cidadanía entre o 20 e o 24 de febreiro.

Contenido patrocinado

stats