BNG e PSOE pactan en Pontevedra un orzamento de 103,7 millóns

O alcalde Lores destaca que é o orzamento máis grande da historia da cidade e subliña a "débeda cero"

O alcalde Lores e Iván Puentes, do PSOE, tras asinar o acordo orzamentario do Concello de Pontevedra.
O alcalde Lores e Iván Puentes, do PSOE, tras asinar o acordo orzamentario do Concello de Pontevedra. | Atlántico

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o portavoz do grupo municipal do PSdG-PSOE, Iván Puentes asinaron onte pola mañá o acordo para a aprobación dos orzamentos municipais de 2026, un documento económico que ascende a 103.768.000 euros, o que supón un incremento do 5,21% respecto das contas de 2025 e que mantén a colaboración entre as dúas forzas no mandato, malia que o PSOE está na oposición. Lores cualificou este proxecto de orzamento como o "máis grande da historia de Pontevedra", un crecemento que responde ao aumento da actividade económica e dos ingresos do Estado, pero tamén a unha xestión eficiente que permitiu reducir gastos financeiros "porque temos débeda cero". O obxectivo destas contas é "seguir avanzando na liña de facer de Pontevedra un referente" e manter uns servizos de "altísima calidade de vida".

O alcalde puxo en valor o entendemento entre as dúas forzas políticas como un "exercicio de responsabilidade" pensando no "interese xeral da veciñanza". Destacou que grazas a este pacto "somos capaces, cedendo polas dúas partes, de chegar a un acordo que non paraliza a cidade". Lores desvelou que o Partido Popular e o seu voceiro, Rafa Domínguez, non achegaron ningunha proposta ao borrador.

As grandes cifras do orzamento desglósanse da seguinte maneira:

Persoal: A partida sobe ata os 29.413.859,07 euros, un incremento de 573.113,23 euros (+1,99%). Este aumento permitirá reforzar o cadro de persoal coa creación de novas prazas: Tres axentes de policía e un inspector principal, Un arquitecto, Dous técnicos medios (un para mantemento e outro para intervención), Un enxeñeiro/a informático/a. e un traballador/a social.

Bens e servizos correntes: é a partida máis avultada, representando o 52,71% do orzamento total. Ascende a 54.690.930,26 euros, cun aumento de 2.872.572,66 euros (+5,54%). Dentro deste apartado destacan: residuos: o contrato de residuos sólidos urbanos increméntase en 1.289.700 euros. Mantemento: o mantemento urbano sobe 95.000 euros e o mantemento rural dispárase un 27,97%. Servizos Sociais (SAF): o Servizo de Axuda no Fogar aumenta un 27,97%, con 598.000 euros adicionais. Gasto eléctrico: a partida redúcese en 1.595.000 euros grazas ao aforro enerxético pola instalación de LEDs (máis do 80% do parque público renovado no concello). Non obstante, increméntase a iluminación das festas (especialmente para Nadal) en 45.000 euros. Outros: Estudos de mobilidade, mantemento de colexios e fontes, e programas de igualdade e coñecemento do monte.

Investimentos reais: é o capítulo que experimenta o maior crecemento porcentual, cunha subida do 24,37% respecto a 2025, sumando un total aproximado de 15 millóns de euros.

Tal e como subliñou o portavoz do PSOE, Iván Puentes, este acordo “lanza dúas mensaxes, dúas conclusións, moi claras. Primeiro, unha mensaxe moi produtiva do que significa ser capaces de dialogar, de pactar e de exercer a democracia entre dous grupos políticos diferentes. Fronte a un universo estatal e internacional de crispación irrespirable e de política absolutamente inútil e condenable, en Pontevedra somos capaces de falar e de exercer iso que era antigamente normal, é dicir, que as formacións políticas se puxeran de acordo, e que hoxe parece case unha utopía fóra desta cidade e mesmo destes dous grupos. A segunda mensaxe é a da utilidade do voto ao PSdeG para a oposición, fronte á inutilidade do voto ao PP e a Rafa Domínguez, porque novamente, como xa pasou en 2025, neste 2026 os pontevedreses non terán absolutamente nada que agradecerlles a Domínguez e ao seu partido”.

"Os tres meses de negociación intensa que permitiron o pacto pagaron a pena”

Para o voceiro socialista Iván Puentes, os “tres meses de negociación intensa” que permitiron este pacto orzamentario “pagaron a pena”, porque “efectivamente, o acordo redunda en beneficio de tódolos pontevedreses e pontevedresas, que van ter orzamento, e por tanto, os dous grupos políticos imos garantir que o Concello funcione con plena normalidade durante este 2026 e dispoñendo de fondos para abordar todos os problemas, demandas veciñais e retos que a cidade ten por diante”.

O portavoz socialista puxo en valor que, a día de hoxe, “un 80 por cento do acordado en 2025 está xa cumprido ou en fase de cumprimento, supoñendo nestas contas uns 3,5 millóns de euros”, mentres que as novas propostas achegadas polo PSdeG e apoiadas polo BNG ascenden a uns 6,5 millóns (as achegas con sinatura socialista supoñen máis de 10 millóns de euros). “No capítulo de investimentos reais destacan eses 15 millóns de euros -salientou-, dos que practicamente todos xorden do acordo, xa que ou ben son proxectos que o Partido Socialista puxo enriba da mesa e que o BNG aceptou, ou propostas que o Goberno Local tiña xa en marcha e que contan co apoio total do PSOE. Polo tanto, un acordo pleno, amplo e global, non só nese capítulo 6, senón no conxunto do orzamento”.

Puentes destacou os investimentos que se destinarán aos barrios e o rural pontevedrés; as aportacións para incremento e mellora dos servizos públicos, esencialmente en ensino, política social e seguridade; a atención “a un problema que teñen tódolos pontevedreses e pontevedresas, que é o da vivenda; así como as partidas orientadas á xeración de emprego e ao desenvolvemento económico da cidade.

En Pontevedra, Fernández Lores goberna con só 9 concelleiros grazas ao apoio do PSOE, que ten outros 5. O PP é a primeira forza, con 11 edís, a dous da maioría absoluta.

Contenido patrocinado

stats