Sen igualdade, a revolución dixital exclúenos a todas

Publicado: 08 mar 2026 - 01:45
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Cada 8 de marzo lembramos que a igualdade non é unha concesión, senón unha conquista. Este ano, porén, a pregunta é inaprazable: que lugar ocupamos as mulleres na revolución dixital que está transformando o mundo?

A dixitalización non é neutra. Ningunha revolución tecnolóxica o foi. Como ocorreu coa industrialización, o acceso desigual á tecnoloxía pode ampliar fendas existentes ou converterse nunha ferramenta poderosa para pechalas. A diferenza non está só nos algoritmos senón, tamén, en quen toma as decisións e na capacidade das institucións para regulalos con perspectiva de xénero.

España avanzou de forma notable en conectividade e acceso a dispositivos, pero a fenda dixital de xénero persiste en dimensións fundamentais. As mulleres utilizan internet tanto como os homes, pero están infrarrepresentadas en áreas estratéxicas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou a programación. Nas titulacións STEM seguen sendo minoría, non por falta de talento, senón polo peso persistente de estereotipos e a ausencia de referentes visibles. E nos espazos onde se toman as grandes decisións tecnolóxicas, o liderado continúa sendo maioritariamente masculino.

Cando os algoritmos se adestran con datos sesgados, reproducen desigualdades. Cando as tecnoloxías se deseñan sen perspectiva de xénero, perpetúan invisibilizacións. Vímolo nos sistemas de selección laboral que penalizan traxectorias vinculadas á maternidade ou nas ferramentas de recoñecemento facial menos precisas con rostros femininos. A revolución dixital non só organiza a economía: organiza a vida cotiá, as oportunidades e os dereitos.

O espazo dixital converteuse tamén nun escenario de violencia contra as mulleres. O acoso en redes sociais, a difusión non consentida das imaxes íntimas ou o control dixital nas relacións de parella son expresións contemporáneas da violencia machista. A tecnoloxía non crea o machismo, pero o amplifica o o fai máis invasivo.

Garantir un protagonismo real das mulleres na revolución tecnolóxica esixe actuar en varias frontes á vez: incorporar decididamente a máis mulleres ás carreiras STEM desde idades temperás, asegurar formación e reciclaxe profesional, facilitar o acceso a financiamento e liderado, e someter os sistemas dixitais a avaliacións de impacto de xénero. Non se trata só de presenza, senón de poder real de decisión.

Europa comezou a regular a intelixencia artificial e a reforzar a protección dos dereitos dixitais. Mais o reto é máis profundo. Trátase de democratizar a tecnoloxía e de sometela plenamente aos principios de igualdade e non discriminación. A revolución dixital pode ser unha ferramenta de emancipación ou un mecanismo sofisticado de exclusión. Dependerá das decisións políticas que adoptemos hoxe.

Este 8 de marzo non só reivindicamos dereitos nas rúas. Reivindicamos dereitos nos códigos, nos datos e nos algoritmos. Non pedimos permiso, esiximos protagonismo. A revolución dixital será igualitaria ou non será.

* Primeira tenente de alcalde e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística

Contenido patrocinado

stats