O segundo plan de rescate: hoxe mellor que mañá

Publicado: 14 feb 2021 - 00:15 Actualizado: 14 feb 2021 - 00:23

Moita xente cre no diálogo. É unha palabra moi utilizada en política. Pero dialogar, ademais de en falar, consiste en escoitar. Non escoitarse a un mesmo, senón escoitar aos demais, porque se non escoitas, non estás dialogando. Calquera que escoitara aos hostaleiros e autónomos durante os últimos meses sabería cal era a súa prioridade: a concesión de axudas directas o máis rapidamente posible. Non querían negociacións interminables, nin procesos administrativos eternos, nin subvencións condicionadas a investimentos. Querían plans de rescate, e queríanos hoxe mellor que mañá. Axudas directas e inmediatas. Ingresos nas súas contas.

Por iso o Consello da Xunta aprobou hai tres días a segunda edición do Plan de rescate a hostaleiros, autónomos e micropemes. Antes dunha semana se poderán solicitar estas axudas. Sumadas as dúas edicións, a Xunta terá posto á disposición dos afectados, en solitario e con fondos propios, 160 millóns de euros. Galicia convértese así na comunidade autónoma que máis axudas directas deu a aqueles que peor o están pasando pola pandemia. Ningunha outra en toda España inxectou máis diñeiro a autónomos e hostaleiros. Ningunha.

O mecanismo do segundo Plan de rescate coñéceno ben os destinatarios porque vai ser o mesmo que na primeira edición. Ese plan demostrou a súa eficacia grazas á súa axilidade e ao seu alcance, e por iso os beneficiarios, os verdadeiros protagonistas, pedían unha repetición; procurando aumentar os fondos o máximo posible e incluíndo esta vez ás administracións que non colaboraran na primeira volta.

Xunta, deputacións e Fegamp sentámonos tres veces nunha semana co obxectivo de conformar unha tripla fronte. Dado que os propios destinatarios das axudas querían volver a utilizar os medios da Xunta para gañar axilidade, ofrecemos que ese mecanismo fose aproveitado polas deputacións (as que aprobaran axudas directas no pasado e as que non), e polos concellos (os que aprobaran axudas directas no pasado e os que non). Pero a política mal entendida cruzouse polo medio, ante a estupefacción dos propios hostaleiros, e o acordo non foi posible, excepto coa Deputación de Ourense, que soubo estar á altura das circunstancias.

Desde a Xunta non podiamos perder tempo en discusións ou lamentos, e a mesma tarde en que se frustrou o pacto a tres bandas activamos a nosa maquinaria. O resultado foi o plan que abordou esta semana o Consello. As axudas poderán comezar a pedirse antes de cinco días. Axilidade para chegar antes e para chegar máis lonxe.

En que se concreta todo isto? En axudas que van dos 3.400 euros aos 24.200 euros por local en só catro meses. Aínda así, sabemos o tremendo esforzo que lle estamos pedindo aos sectores afectados durante a pandemia e sabemos tamén que só coa Xunta non chega, que as demais administracións deben participar.

De feito, non nos cansaremos de repetir que neste camiño resulta imprescindible a implicación do Goberno central a través dos fondos europeos que van chegar a España. Ata o de agora, nin axudas directas, nin baixada do IVE turístico, nin apoio ao Xacobeo. Os hostaleiros e os autónomos precisan máis esforzo desde Madrid e precísano xa.

Porque como dicía ao principio, dialogar consiste en escoitar. Nós seguiremos escoitando dos hostaleiros as súas demandas. Ese é o noso compromiso. Así o viñemos facendo desde o primeiro día da pandemia e así seguiremos ata que as circunstancias sanitarias nos permitan a todos recuperar as nosas vidas. Agardemos que ese día chegue o antes posible. Mentres tanto, poden seguir contando coa Xunta de Galicia.

(*) Vicepresidente da Xunta.

Contenido patrocinado

stats