Negar para dominar

Publicado: 25 nov 2025 - 05:45

Negar a violencia de xénero non é unha posición inocente. É unha estratexia deliberada, unha reacción organizada ante o avance do feminismo e ante a ameaza que supón, para o poder patriarcal, que as mulleres nomeemos o que historicamente se mantiña en silencio.

Detrás do negacionismo desprégase un proxecto político e cultural de amplo alcance que busca restablecer xerarquías, reescribir o sentido de igualdade e blindar un sistema económico que precisa da desigualdade entre sexos para sosterse.

O negacionismo quere destruír a linguaxe que nomea a violencia para facela de novo invisible. Ao longo do último lustro, a ultradereita global, coa complicidade da dereita, ten feito do antifeminismo un dos eixos centrais do seu discurso. Jair Bolsonaro en Brasil, Donald Trump en Estados Unidos, Santiago Abascal en España...repiten un mesmo guión: presentar as políticas de igualdade e de loita contra a violencia machista coma “unha imposición ideolóxica”, ridiculizar o feminismo, negar a violencia de xénero e revalorizar un modelo de sociedade baseado na familia tradicional e na obediencia de xénero.

En definitiva, o negacionismo é unha reacción estruturada contra o avance dos dereitos das mulleres.

Avances defendidos polo movemento feminista que ten cuestionado piares esenciais da orde patriarcal -división sexual do traballo, sexualidade como territorio masculino, maternidade como destino – e ese cuestionamento é que provoca a contraofensiva fronte aos dereitos acadados polas mulleres. O discurso ultradereitista revístese dun falso humanismo cando afirma que “toda a violencia é igual” que “non hai que politizar a dor” ou que “o feminismo divide á sociedade”.

En realidade, o que persigue é neutralizar a categoría de violencia de xénero, que é precisamente a que permite comprender que os asasinatos, as violacións, a desigualdade económica e a cousificación, mercantilización e explotación sexual forma parte dun mesmo entramado de dominación.

A explotación sexual de nenas e mulleres é unha das expresións máis brutais desa lóxica: millóns de mulleres e nenas son captadas e explotadas en redes internacionais de trata que moven miles de millóns de euros ao ano. A pornografía, convertida nunha das industrias máis poderosas do planeta, ten transformado o corpo feminino en contido de consumo masivo, moldeando imaxinarios de desexo e sometemento. E os ventres de alugueiro, presentados baixo o eufemismo de “xestación subrogada”, constitúen unha nova fronteira de colonialismo sobre o corpo das mulleres pobres.

Estas formas de violencia e explotación non son fenómenos illados: son partes interdependentes dunha mesma economía patriarcal. E no negacionismo cumpre un papel funcional nesta engranaxe. Si non hai violencia de xénero, si todo é “libre elección”, entón non hai nada que cuestionar, nada que elevar á axenda política. O patriarcado neoliberal ten aprendido a vestir a opresión de liberdade: a liberdade de vender o teu corpo, de adaptarse ás demandas masculinas do mercado.

Tanto é así que a hipersexualización das mulleres – e cada vez máis das nenas – constitúe unha pedagoxía cultural da desigualdade. Desde a publicidade ata as redes sociais, ensínaselle ás mulleres a valorarse en función da súa a aparencia, a súa xuventude e a súa capacidade para xerar desexo. Esa cultura non só alimenta o negocio do consumo, senón que reforza a idea de que o corpo feminino está dispoñible, avaliable, xulgable e apropiable.

É por todo o sinalado que o feminismo enfróntase hoxe a unha batalla cultural profunda. Non basta con resistir á ofensiva negacionista, é necesario rearmar un discurso emancipador que permita rachar as cadeas que oprimen ás mulleres.

Fronte a quen nega a violencia de xénero, o feminismo afirma a verdade das mulleres, a memoria das que xa non están, a xustiza pendente, os dereitos humanos e a imperiosa necesidade de transformar as estruturas que perpetúan a desigualdade. Negar a violencia de xénero é negar a humanidade das mulleres. Fronte a esa negación, o feminismo responde cunha afirmación radical e colectiva: os nosos corpos non son territorio de dominio, nin recurso económico, nin materia de consumo.

Esta loita non pode ser só das mulleres. Tamén ten que interpelar aos homes, especialmente aos máis novos, que crecen nun mundo atravesado por contradicións: un mundo que promete liberdade pero que lles ensina que a virilidade se mide pola dominación; que lles fala de igualdade pero que os empuxa a reproducir privilexios que moitas veces nin recoñecen.

Aos mozos correspóndelles, tamén, unha tarefa crucial: rachar a herdanza do silencio, da dominación e do privilexio e construír unha nova masculinidade libre de medo, de poder e de control sobre as súas compañeiras de vida. Non hai futuro sen eles pero tampouco se non son capaces de mirarse criticamente, de rachar coa desigualdade e situarse na defensa dos dereitos humanos para todos e todas.

(*) Primeira tenente de alcalde e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística.

Contenido patrocinado

stats