Medallas de poñer e quitar

Publicado: 18 jul 2025 - 01:40

Polas mañás con bo tempo saio a pasear. Onte, na Fonte dos Capitáns próxima á beira do río Sar, atopei a unha amiga moi ofendida porque a Xunta outorgou unha Medalla de Galicia á princesa Leonor de Borbón. Non é a única galega que coñezo vítima de semellantes fumes. Ademais ela, como infinidade de composteláns, apoia a decisión da alcaldesa de non asistir á pantomima oficial da entrega do galardón. Tamén a min pareceume ben a decisión de Goretti Sanmartín, do mesmo xeito que considero un despropósito a entrega doutras dúas medallas da mesma categoría aos alcaldes do Porto e de Braga. En ningún dos tres personaxes concorren méritos en relación coa nosa comunidade para que o goberno de Alfonso Rueda os distínga co galardón máis importante do infinito medalleiro galego. A princesa, moi respectuosa ela, pasaba por aquí e prometeu volver porque “nos furanchos cómese moi ben”. Aos alcaldes portugueses non lles adornan outros méritos que ser políticos de dúas organizacións conservadoras. Rui Moreira pertence ao CDS-PP (dereita/dereita) e Ricardo Río ao PSD (centro dereita). É evidente que o PP-G xoga para afirmar as súas ligazóns fraternais e diplomáticas internacionais máis aló das húmidas fronteiras do Miño, trazadas polos intereses medievais, que aínda parecen pervivir no espírito preclaro dos nosos dirixentes.

Se malicia a miña amiga Rocío de que a medalla ao rexedor de Braga ben pode ser un acto de desagravio polo roubo das reliquias, protagonizado por Diego Xelmírez nos seus templos alá polo ano mil cento e pico do noso Señor. Devoltas non hai moito. A concesión ao munícipe de Porto considéraa un agradecemento pola feroz competencia que o seu aeroporto exerce sobre os tres aeródromos galegos. Nada mellor que recoñecer as virtudes comerciais do contrario. O que ela di sobre a herdeira da monarquía española o gardo no baúl da miña intimidade. A min, republicano fervente, a princesa Leonor continúa espertándome tenrura e compaixón. No seu papel institucional mandárona recoller a medalla nun acto singular como quen acode a comer o bocadillo da merenda. Pobre muller! Non desexo o seu papel para ninguén amada. Nos últimos anos vive condenada a unha frenética carreira de proxección pública sen precedentes. Pola súa condición nin é dona da súa existencia desde o nacemento nin dos seus actos nin dos seus desexos. Véxoa como a unha cristobita cuxos fíos move algún perverso marionetista oculto entre as bambalinas da historia. E, certamente, teño a impresión de que a Casa Real, no seu afán de modernidade e continuidade da vella estirpe, unxiu a Leonor como salvavidas cando nin a misóxina Constitución do 78 a recoñece sucesora.

Pero non fai ao caso perdernos por eses carreiros. Falabamos da superflua teima de entregar medallas como caramelos á porta dun colexio. Á princesa e aos alcaldes portugueses ha de importarlles un bledo a distinción galega pero descoñezo que sentimentos espertará nas personalidades da terra que, por méritos e honra, poidan recibilas nestas ou outras ocasións. Para uns será a culminación da súa vida pública ou laboral, para outros unha liña máis no currículo. En definitiva son méritos facilmente substituíbles en tanto que proveñen de estamentos políticos partidistas, suxeitos ao veredicto da historia de cada época. A min resúltame imposible desvincular estas honras daquelas outras que un ditador, coñecido como “Paco medallas”, repartía entre os seus a man cheas. As mesmas medallas que, se foron de ouro ou prata, acabarían nas oficinas de empeño do Monte de Piedad.

Contenido patrocinado

stats