Antonio Casado
Suerte que tenemos un rey
Milán, ano 384. Agostiño deixou anotado nas súas Confesións que, cando ía visitar o bispo Ambrosio, atopaba a porta do seu gabinete sempre aberta. Ambrosio estaba a ler, dun xeito moi pouco habitual na época: en silencio. Na Antigüidade o usual era facelo en voz alta, mesmo a soas. Os visitantes sentaban un bo anaco onda o bispo sen se atreveren a interrompelo, e logo marchaban. Fóra quedaba o balbordo dun tempo de invasións, usurpadores e herexías.
Dezaseis séculos despois, o xeito no que lemos segue a ser motivo de preocupación. O informe PISA deixounos os titulares máis negativos dos últimos anos sobre a comprensión lectora. Ladislao Salmerón, da Universitat de València, sinala que desde 2018 se duplicou no noso país o número de «lectores apresurados», os que pasan polo texto a moita velocidade e non son capaces de entendelo. Rose Horowitch contaba en The Atlantic que en universidades de elite estadounidenses hai alumnos incapaces de ler un libro enteiro.
A explicación é multicausal: a pandemia, os cambios curriculares, as pantallas e as redes sociais. No ámbito escolar lese en moitas ocasións, é inevitable, por obriga, para responder a cuestións concretas e decote buscando facelo co mínimo tempo e esforzo. Facendo exame de conciencia, ás veces a sobrecarga curricular favorece isto, pero hai un factor menos discutido. O sociólogo alemán Hartmut Rosa describiu a nosa como unha sociedade da aceleración, e como resposta propón buscar experiencias de resonancia, relacións co mundo que nos interpelen. Non podemos fuxir do tempo que habitamos. Si podemos, polo menos, construír situacións breves que actúen como caixas de resonancia distintas. A lectura é, dalgún xeito, unha delas, porque require un dobre tempo moi diferente daquel no que nos movemos a cotío. Precisa tempo de reloxo, horas que ninguén interrompa, e precisa un tempo no sentido musical, un andamento e un ritmo propios, feitos de continuidade e de sosego.
Adoitamos confiarlle á escola a creación deses espazos, pero a escola é sociedade e móvese ao ritmo do balbordo. Aínda así, debe continuar a ser un lugar para pequenas utopías. O francés Daniel Pennac, que tamén foi profesor, conta en Como unha novela (1992) a historia dun docente que lía en alto novelas enteiras a uns adolescentes convencidos de que odiaban ler. En 2019, un equipo da Universidade de Sussex mediu ese efecto: vinte profesores ingleses leron en voz alta durante doce semanas dúas novelas esixentes. Os alumnos con peor comprensión avanzaron, de media, dezaseis meses. A clave foi, segundo os autores, a continuidade dunha lectura sen cortes. É lóxico: a voz marca un ritmo que ninguén pode acelerar; quen escoita non pode saltar parágrafos, e quen le ten que comprender o que di para lle dar o ton axeitado. Galicia coñeceu ben ese poder da voz: O Tío Marcos da Portela, o semanario de Lamas Carvajal, chegou a tirar catro mil exemplares nun país maioritariamente analfabeto, porque na taberna ou á lareira alguén o lía en alto.
Os datos apuntan, con todo, nunha dirección menos sombría do que parece. Segundo o Barómetro de Hábitos de Lectura presentado en xaneiro, dous de cada tres españois len no seu tempo libre, e os mozos de 15 a 24 anos son os que máis len de todos. Lectores, polo tanto, hainos. O que escasea son gabinetes coma o de Ambrosio: lugares e horas para ler sen présa e sen interrupcións, coa porta aberta a quen queira entrar e calar un anaco. Fóra, lamentablemente, seguirá o balbordo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar