Xosé A. Perozo
A intelixencia divina fronte á IA
O Papa está a vir a España pero antes de saír de casa deixou feitos os deberes e enviounos a primeira encíclica do seu papado. Sabe León XIV que, no vórtice da actualidade, un personaxe por moi importante que luza non pasará á historia se non deixa escritas as principais liñas do seu pensamento. No noso presente todas as figuras do taboleiro son simples anécdotas biográficas se canto pensan, se é que pensan, quédalles dentro do boche. Lin a encíclica ‘Magnifica humanitas’ con verdadeiro interese, pero tamén atrapado pola maioría das reflexións do pontífice (construtor de pontes) e en cada parágrafo tratei de descifrar os mecanismo do pensamento que lle levaron a sentar ante o computador con matemática precisión e espírito filosófico. A sinxeleza ao escribir denota unha inmensa preparación intelectual e unha intelixencia diáfana. Debo confesar que, despois da miña admiración polo papa Francisco, resultoume intrigante achegarme á figura de Robert Francis Prevost, interesado na que imaxino unha educación con raíces nos postulados de santo Agustín, xa que pertence á súa orde monástica, onde as liñas xerais do teólogo do século V continúan vivas e se reflicten no seo de la Igrexa.
Cando na miña mocidade estudei a filosofía de Agustín de Hipona caeume moi mal como personaxe pero empacheime coa súa obra ‘A cidade de Dios’, magnífica realidade do pensamento dun ancián preocupado pola súa salvación e a do mundo, onde as ideas de Platón podían rastrexarse con facilidade. Daquela outras cuestións súas, tan temperás nos misterios cristiáns, axudáronme a entender o ben e o mal no que se debate o catolicismo. Sexa como fose, ver a León XIV sentado na cadeira papal antóllaseme como o triunfo total do predicamento agostiño. E esta encíclica, perdoen a pedantería, figúraseme unha actualización ou posta ao día de vellos mecanismos divinos de difícil axuste na modernidade dun mundo cada vez máis descrido, menos esperanzado e máis atrapado polas tecnoloxías.
Ao meu modo de ver a Igrexa Católica, ata a chegada de Francisco, sobreviviu sulfeando sobre os presuntos ensinos divinos para pelexar contra un mundo profano cambiante onde a fe xa non é un produto con cotización en bolsa. O maior imperio do mundo rexido polo menor Estado do planeta chegou ao século XXI cargado de máis anacronismos que propostas de futuro. Francisco antes e León agora emprenderon a tarefa de remover o conservadorismo para edificar un hipotético mañá diferente. Difícil tarefa. Desta primeira encíclica de León XIV interesa especialmente a súa atención ao problema social, filosófico e humanista que xera a salvaxe implantación da Intelixencia Artificial. No texto o Papa realiza unha serie de longas e ben documentadas reflexións para que o lector, crente ou non, comprenda de onde procede a súa filosofía. Intúense os vellos fundamentos da fe e da razón predicados por Agustín, pero tamén a importancia da intelixencia divina, sostén dos fundamentos de la Igrexa. Tres conceptos empregado por León cunha exquisita claridade para pedir prudencia e controis fronte ao inquietante fenómeno da IA. Pretende o Papa un enfrontamento entre Intelixencia Divina e Intelixencia artificial? Quen sabe, é o suficientemente sibilino e está tan ben informado que nesta encíclica só nos empuxa á prevención fronte a movementos totalitarios armados de códigos binarios e invita a reflexionar sobre os esquemas éticos ocultos na IA, sobre que moral nos agarda, sobre o ecoloxismo e a solidariedade universal. E demostra coñecer como a intelixencia divina desde o século XIX vén perdendo todas as batallas fronte á intelixencia científica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar