Manuel Orío
La línea que no se cruza
A convocatoria dun referendo non vinculante por parte da Generalitat de Catalunya, no que o pobo poda se manifestar encol da pertenza ou non ao Estado español, e de se manter este vencello, de que modo, provocou un reaxer histérico por parte do Goberno central, dos partidos de dereita, e das clases dominantes. Segundo eles, todo está decidido de por vida, nada se pode mudar fóra dos marcos que foron fixados por vellas conquistas, a xustificación da "modernidade", e hoxe para garantir os obxectivos do libre mercado. A constitución de 1978 seica blindouno todo por séculos, aínda que non hai tanto se modificase en poucos días por esixencia da UE para fixar o tope de déficit público.
Ate a convocatoria do referendo, a iniciativa estivo nas mans do nacionalismo catalán, porén agora pasou ao Governo central que, utilizando o Tribunal Constitucional, suspendeu a consulta. Unha decisión que pretende darlle unha resposta xurídica a un problema político, e xustificar sancións e medidas penais contra os cargos públicos e funcionarios que colaboren no referendo (lembremos, non vinculante). Por se non abondase o governador do Banco de España mete medo aos aforradores cataláns afirmando que en caso de se decidir pola independencia poden perder os seus cartos, e non poucas grandes empresas ameazan con deixar o país.
Fica claro que para as clases dominantes a independencia só é un dereito lexítimo cando debilita as potencias contrarias. Por exemplo, a extinta URSS, ou hoxe a Rusia, China, etc. Mais carece de valor cando afecta aos seus propios intereses ou aos dos seus parceiros. Todo amosa que se os partidos cataláns manteñen o pulso e o povo preme na rúa, a confrontación irá a máis. E, como todas as partes queren reflectir que son as máis democráticas do mundo, xa que a batalla política hoxe dáse coa mesma intensidade na rúa e nos medios de comunicación, asistiremos unha e outra vez á escenificación dos argumentos e non pouca terxiversación. Polo que entender as posturas pode ser un verdadeiro labirinto, para aqueles que non viven en primeira persoa o conflito, aínda que lles afecte moi directamente, por exemplo, aos galegos e galegas.
Agora, todo depende da actitude das forzas soberanistas en Cataluña. Se estas aceptan a decisión do Tribunal Constitucional e frean o proceso (todas ou parte das forzas que o iniciaron), xa que resulta evidente que os recursos que fagan nacen mortos, perderán o apoio social e, con seguridade, abrirán as portas a dúas saídas diverxentes: a pasividade dun sector da povoación e a resposta airada dos máis comprometidos coa independencia. Esta sería unha vitoria para Rajoy, porque frearía o proceso e dividiría o nacionalismo, entre vangarda e simpatizantes. Se optan por realizar o referendo, o que semella a única saída que lles queda, ábrese un período de confrontación máis agudo, no que será a rúa a que marque o ritmo, o que dará máis protagonismo ás forzas independentistas (ERC e CUP), debilitando toda negociación que pretenda reconducir o conflito mediante cesións simbólicas por parte do Estado. Unha vía intermedia sería a convocatoria de eleccións anticipadas.
Sen dúbida o Governo central ten unha enorme responsabilidade na situación actual, porque aínda que non se realice o referendo, validou coa súa actitude que a opción democrática do povo catalán sería a independencia. A súa postura inmobilista, a negación dos dereitos colectivos dunha nacionalidade histórica, polo tanto cunha forte identidade, non se pode asoballar con argumentos legalistas e de poder. Os vindeiros meses serán moi ricos en acontecementos. Todas as portas están abertas. Calquera solución democrática para Cataluña terá que se estender a Galiza se non se quere crear unha discriminación entre "nacionalidades históricas".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Mundial 2026
España se cura con una goleada ante Arabia Saudí
Conflicto en Oriente Próximo
Negociación tensa en Suiza: Irán da un portazo a Trump por sus amenazas