Imos de voda

Publicado: 25 jul 2025 - 01:20

Viaxar en bus urbano é abrir unha enciclopedia sobre a actualidade. A pouco que axilices o oído descobres mundos sonoros impensados, verdadeiros soportes da vida real. As alegrías e as miserias toman corpo grazas á palabra viva e aos pensamentos que en moi pouco se parecen a canto escritores e xornalistas formulamos sobre a verdadeira esencia dos acontecementos cotiáns. Nestes días convulsos viaxando escoitei todo tipo de comentarios sobre a corrupción política que apuñala ao PSOE e ao PP. Podería clasificalos como indignados, ofendidos, conformistas, inxenuos… porén un semellou ser moi certeiro por inesperado. Expúxoo unha señora entrada en anos, saída do territorio agrícola e do saber tradicional. Dixo: “o que sucede é a festa dunha voda, todos finxen crer na virxindade da noiva para comerse o mellor anaco da torta, ao final a ninguén lle importa que a moza vaia preñada se o doce engordou os seus bandullos”. A señora, diante do asombro da audiencia pechou o conto cun exemplo: “acordádevos da voda da filla de Aznar, do Rey ao bigotes todos encheran o saco con trampas desde o poder, agora nada sabemos deles, cambiaron as caras pero o banquete continúa sen descanso”.

Na voda destas semanas o noivo protagonista é Cristóbal Montoro e a súa rede de invitados a comer da bica do Ministerio de Facenda. Desde o PSOE, malferido polo caso Koldo-Ábalos-Cerdán, e desde o resto das esquerdas parlamentarias sinálase ao PP como un niño de corrupción sistémica. Feijóo escóndese e sacode o traxe mentres as redes se encheron de listas con coñecidos asuntos turbios pululando polos seus anos de presidente da Xunta. A voda e o cinismo espantan aos viaxeiros do bus, alleos aos comentaristas mediáticos capaces de comparar unhas e outras miserias segundo o patrón ideolóxico usado. Transmiten que o caso Cerdán é o máis terrible da historia, pois presuntamente embolsaron CINCO MILLÓNS de euros que nin a UCO nin o xuíz atopan. Os mesmos tertulianos aseguran que o de Montoro é a simple actuación dun lobby aínda que a mordida coñecida alcance xa os CINCUENTA MILLÓNS por lexislar en beneficio de grandes empresas, pagadoras á trama para aforrar CENTOS de millóns en impostos. No bus alguén grita: Viva os noivos! Outro asegura que todo este armazón “quedará en nada porque aos políticos só lles preocupa se suman ou perden votos con estas merdas”. A idea de que Sánchez só goberna por vaidade persoal calou. Unha moza defende ao socialista fronte a quen lle culpa de todos os males universais. Non dubidan en silenciala usando bulos.

Cando abandono o bus vou concordando con quen afirmou que no PP agardaban pola chegada do escándalo Montoro, de aí a présa para acadar o Goberno e a furia de Aznar sinalando a corrupción do trío de raspiñeiros amigos de Sánchez. Ao mesmo tempo preocúpame o avance de Vox roubando a mancheas votos ao PP. Con todo, hai tempo aprendín que tormentas tan terribles como a Gürtel ou a Dana ou esta de agora non mollan aos votantes de dereitas, capaces de xustificar o cinismo como ideario político. Ao tempo o voto de esquerda queda na casa vendo unha película de pistoleiros do oeste americano. Desaléntame revivir as imaxes de Aznar e Rajoy, patróns de Montoro, no Congreso do PP pontificando contra a corrupción dos partidos políticos contrarios. Véxoo como unha perigosa institucionalización do cinismo para alcanzar no seu favor os recursos dos poderes institucional, político, económico, xudicial e mediático nunha voda hipócrita onde usar ao pobo contra o pobo.

Contenido patrocinado

stats