José Teo Andrés
Puerto nodal
Seguindo os principios reitores que lamentablemente segue na actualidade o Goberno central: manual de supervivencia, política de xestos..., as comunidades autónomas atopámonos en pleno agosto cunha proposta incrible, por irresponsable, que rebenta desde dentro o actual sistema de financiamento autonómico (SFA), crebando a igualdade entre todas elas e, o que é máis grave, de todos os seus cidadáns, antepoñendo ao principio de que todos os españois teñen dereito a uns servizos públicos análogos á marxe de onde residan, outros como o financiamento en función da capacidade recadatoria, a nivelación limitada ou o dereito a tratamentos singulares (sexa o que sexa iso). E o peor é que esa proposta sae do propio Goberno, que se pega un tiro no pé renunciando a boa parte do seu poder tributario, e por tanto, á súa capacidade de redistribuír renda e riqueza entre todos os españois.
Respecto ás noticias e pactos recentes, a resposta desde Galicia debe arrincar cunha forte negativa. O acordo entre ERC-PSC é un extraordinario erro histórico só superado pola suxestión de xeneralizalo, como fixo a ministra de Facenda. Ningún país desenvolvido está a explorar este camiño. De feito, na UE existe un amplo consenso en que proseguir na construción europea esixe que o Goberno da Unión conte con máis recursos propios.
Como galegos e como españois temos que mostrar o noso máis firme rexeitamento e demandar que as Cortes Xerais se opoñan a tan desafortunada proposta, se chega ao Congreso.
Galicia oponse á extensión dos sistemas de concerto non só por principios, tamén por interese. Unha xeneralización do sistema de concerto e a cota vasca suporía para Galicia perder máis de 2.000 millóns de euros ao ano. A soa extensión a Cataluña significaría perder máis de 444 millóns, en base aos datos da liquidación do ano 2021. A cifra sería similar á desaparición, por poñer un exemplo, da Consellería do Medio Rural.
Isto é así porque Galicia conta cunha capacidade fiscal na contorna do 90% da media española e unhas necesidades de gasto próximas ao 110%. Un sistema que non redistribúa vai supoñer un quebranto para os galegos.
Non é doado entender como hai partidos en Galicia que reivindican o concerto e outros que aplauden o financiamento singular acordado en Cataluña, sen explicar en que se concreta. Só o PPdeG e a Xunta de Galicia están a mostrar sentido de Estado e de país, defendendo os intereses dos galegos desde o rigor e o sentidiño.
Galicia conta desde hai tempo coa súa propia proposta de revisión do SFA, que busca un financiamento suficiente e máis equitativo, sen deixar a ninguén á marxe.
A nosa proposta parte de tres ideas forza:
Todo o anterior tradúcese nunha serie de propostas que configuran o noso modelo:
Ademais, consideramos que debe reformarse e reforzarse substancialmente o Fondo de Compensación Interterritorial, convertido nunha ferramenta marxinal hoxe en día. Xunto cos fondos europeos está chamado a ser unha das ferramentas básicas para financiar investimentos que dinamicen territorios con problemas de avellentamento e despoboamento, como o rural ourensán.
Por último, Galicia non está de acordo nin precisa quitas parciais de débeda como a pactada no acordo de investidura do PSOE con ERC. Con todo, se se leva a cabo, esiximos que a quita de débeda para Galicia sexa de idéntica contía por habitante axustado que a redución que se aplique a Cataluña. Só así evitaremos agravios comparativos e trato inxusto aos que cumprimos coas regras fiscais e contribuímos á estabilidade fiscal, recorrendo en menor grao aos mecanismos extraordinarios de financiamento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar