Falemos de cousas serias

Publicado: 05 jun 2026 - 03:30
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Alberto Núñez Feijóo érguese moi cedo, como calquera líder que se prece, mira ao espello máxico e ve a insoportable situación do país que non quixo gobernar. O grande espello do cuarto de baño impélelle a devolver a decencia ao Estado limpando as administracións públicas coa toalla que usa para secar o rostro ao saír da ducha. Ao pasar o peite polo cabelo cinza, produto do seu radical cambio de imaxe, comprende que sen o arranxo do perruqueiro a situación de España sería insostible. Nese momento deixa as anacrónicas lentes que lucía en Galicia e pasa a colocarse as de contacto usando a súa estirada capacidade de torpeza habitual. Xa coa vista diáfana, de novo enfróntase ao reflexo do mercurio e o espello máxico advírtelle de que chegou a hora de falar de cousas serias, como, por exemplo, promover unha moción de censura verdadeira contra Sánchez, sen o subterfuxio de “instrumental”, concepto alleo ás regras constitucionais. Dille o espello da madrasta que ou saca os dedos dos ollos dos nacionalistas ou o picnic cos cataláns e vascos de dereitas nunca será posible. Para cando o espello se dispón a realizar un balance dos pasos dados desde a súa chegada a Madrid, Alberto xa abandonou o cuarto de baño facendo oídos xordos á realidade.

O espelliño máxico non é leal co líder. A propósito non lle di que a verdadeira situación insostible é a súa propia. Clara consecuencia da cadea de erros estratéxicos acumulados desde a toma de posesión da presidencia do PP en 2022. El aterrou en Madrid, empuxado por un imaxinario efecto Feijóo, para “derrogar” ao sanchísmo pero non se detivo a ordenar os revoltos mobles da súa propia casa. Con sucesivas manobras Sánchez está a derrogalo a el. Abandonou Galicia co precepto de anular a Vox debaixo do brazo, catro anos despois converteuse en mimético de Abascal. A continuación empeñouse nunha batalla sen freo contra a amnistía do procés catalán. A inutilidade das sucesivas manifestacións e algarabías concluíron por transmitir as imaxes da súa impotencia e inseguridade ante as iniciativas do Gobierno e os socios de investidura. O levantamento das comunidades autónomas rexidas polo PP contra o executivo central é outra manobra que xa empezou a pasarlle factura. A idea dunha “reconquista” partindo de Extremadura, Castilla y León, Aragón e Andalucía foi un chasco monumental agravado ata o infinito pola perda da maioría absoluta de Moreno Bonilla. A indiscutible dependencia da extrema dereita para chegar á Moncloa xa é un signo aceptado por unha ampla maioría do PP e temido pola outra parte moderada do partido.

Ata aquí todo o devandito polo espello pode parecer unha chanza de opositor, por tanto, falemos de cousas serias. Desde a seriedade sería razoable que Núñez Feijóo abandonase a ambigüidade e transmita á cidadanía cal é o seu proxecto de país para superar unha situación económica e laboral exitosa, cal a ampliación dos beneficios sociais, sanitarios e educativos públicos, como incrementar as taxas de turismo e industrialización, de que modo fomentar as obras públicas e o transporte, de onde sacar vivendas sociais… Poderá gobernar coas mans libres das imposicións do seu único socio e recuperar a capacidade de dialogar, establecer pactos de convivencia e solidariedade na marxe das conspiracións aznaristas? Todas esas cousas serias poderían analizalas a cidadanía no discurso dunha moción de censura. Xa unha utopía. Nun ano máis de opositor pronto non terá espello ao que mirarse cada mañá nin un xuíz amigo que lle tenda a man.

Contenido patrocinado

stats