Eu son africano

Publicado: 03 oct 2025 - 04:00

Si, son africano e árabe de Oriente Medio e xudeu e sefardita e europeo. Os máis afastados individuos da miña familia entraron na península no século VI polos Pirineos, eran suevos indoeuropeos. Non tardaron en emparellarse coas hispanorromanas do norte peninsular. Instaláronse no Valle de Ruesga en Cantabria, onde naceu o apelido que aínda levamos. No século XIII fixéronse cabaleiros cristiáns e coas hostes de Fernando III, o chamado santo, con salario da Orde de Santiago instaláronse na Extremadura habitada por musulmáns, xudeus e cristiáns. Polo menos dous apelidos hebreos seguen presentes na miña liñaxe e outros tres de ortografía árabe entraron e saíron na saga por conveniencias matrimoniais ou presuntas limpezas de sangue. Matamos porcos ás portas das nosas casas para escapar da Inquisición e escondemos unha antiga Torá que algún devanceiro venerou en segredo trala obrigada conversión ao cristianismo. En 1936 alguén queimouna para desgusto dos meus maiores. A Biblia e os Evanxeos sempre estiveron no oratorio particular da miña avoa paterna. Os avós maternos, con orixes en Portugal, sufriron persecución e morte por ser xente socialista condenada polo franquismo. Con estes antecedentes, os meus antepasados falaron algunha lingua indoeuropea, latín, galego medieval, árabe, ladino, portugués e extremeño. Eu decidín amar o galego moderno e o castelán, chamado español por imperativo da ditadura. Teño primas e curmáns da alma en Cataluña, en Aragón, en Madrid, en Andalucía, en Extremadura… Somos xentes diversas unidas polo amor, as tradicións e a Historia.

Por todo iso, cando escoito e leo a ambigua Declaración de Murcia do PP ou as proclamas de Vox para eliminar ou restrinxir a inmigración de quen vén buscando entre nós unha terra de promisión, dóenme como puñaladas dadas contra todos e cada un dos meus ascendentes grazas a quen hoxe estou aquí comunicándome con vostede nun dos dous idiomas herdados deles e coa certeza de que a miña cultura e pensamento me chegaron por vía xenética desde aquel suevo que cantaba nunha lingua morta, tanto como do cabaleiro de Santiago defensor das cantigas latinas de Alfonso X o sabio, ou do xudeu que lía no patio mudéxar da miña casa en hebreo, ou o antepasado que recitaba o Corán en árabe baixo a figueira da horta do meu avó. Esta dereita inculta, que nos tocou soportar, maltrata aos meus cada vez que nega a acollida, o auxilio e a esperanza a un inmigrante que chega en patera ou entra sen papeis por calquera recuncho da legalidade imperialista de promotores non sabemos de que pureza, servís de don Capital a quen cada noite acenden candeas e rezan entre incensos de hipocrisía.

O acordo de Murcia sobre inmigración (Apartado II) susténtase sobre lerias de oposición ao Goberno central sementadas de contradicións. Tratan de fuxir de Vox pero bótanse nos seus pozos ideolóxicos e confirman bulos utilizados pola extrema dereita e utilizan inexactitudes intencionadas propias. Esixen aceptar os “valores” patrios. Cales? Cor de pel, ideoloxía, lingua, relixión, costumes, indumentaria…? Ocultan que o 15% do emprego, que non queremos facer os “nacionais”, o executan inmigrantes de todas as razas. Eles achegan o 10% dos ingresos da Seguridade Social e só recollen o 1% do seu gasto. Ademais a UE encomia o exemplo español na creación de riqueza grazas ós inmigrantes. Datos que o PP retorce e incuso propoñen outros que xa existen e están vixentes. De verdade, síntome africano, e xérame medo esta insensata deriva das dereitas oportunistas e histriónicas.

Contenido patrocinado

stats