E se fose unha conspiración?

Publicado: 10 may 2025 - 01:21

A lapidaria frase de José María Aznar “o que poida facer, que faga, o que poida achegar, que achegue” para botar a Sánchez do poder, nun amplo espectro da cidadanía inoculou a idea de que os múltiples casos xudiciais baixo sospeita de parcialidade, os acontecementos como o luns escuro do 28 abril ou o roubo de cable nas vías de Adif o 5 de maio, ademais dun longo etcétera de mentiras lanzadas contra o Goberno e a súa contorna, forman parte dunha conspiración perfectamente planificada por forzas políticas do mal. Cando se sementa semellante vento, a tempestade acaba sendo o resultado máis palpable. De nada valerá a prudencia dos afectados e aos poucos acabará calando a sensación de medo e da confusión diante da hipotética existencia da eterna man negra coa que nos asustaban na infancia.

Neste país somos moi amigos de propiciar un motín de Esquilache cada vez que a algún gobernante se lle ocorre lexislar a favor do progreso para cambiar a rancia identidade tradicional das dúas Españas, sempre dispostas a matarse a paus ata o fin dos tempos imitando ao cadro de Goya. Se á proclama incendiaria do presidente Aznar sumamos a ocorrencia do ministro Jorge Fernández Díaz de organizar unha aireada “policía patriótica” desde o Ministerio do Interior para investigar a 69 opoñentes de esquerdas e espiar a un sen número de personalidades molestas con eles, imaxinar unha conspiración contra Pedro Sánchez non necesita de ningún visionario nin dunha serie de televisión que a conte por entregas. É máis, se escoitamos os famosos audios de Villarejo en conivencia con Cospedal e outros poderosos, pois mel para adozar e seguir sospeitando da existencia do levantamento dos enxebres sen saír das cloacas do costumismo.

Nada novo. Díxosenos que o poder corrompe pero poucas veces ensínase nas aulas que o poder e as conspiracións son curmáns. Por fortuna xa quedaron atrás aqueles tempos medievais e dos Reis Católicos de envelenar a familiares para facerse co trono, ou os controvertidos enfrontamentos subterráneos de ebolistas contra alvistas ao redor de Felipe II, ou as intrigas traidoras de Godoy a favor dos franceses, ou as disputas por ocupar a influente cama de Isabel II… Está claro que a tradición conspiranoica pesa no ánimo conservador e se agora somos vítimas dunha refinada conxura, sen exércitos levantadizos nin golpes de estado, segue a ser puro costume, mal que nos pese.

Chegados aquí, como se pode responder á pregunta do título deste artigo? O mércores día sete tragueime da A á Z a Sesión de Control ao Goberno. Tiña a certeza de que Sánchez non entraría ao trapo da confabulación. Tampouco os seus socios de investidura. O enigma lucíano na lapela Feijóo e tamén Abascal, como verdadeiro cómplice. Ningún dos dous saíuse do guión: “o país vive no caos e inmerso na corrupción, por tanto un Sánchez acabado debe convocar eleccións”. Isto é, o obxectivo final decretado por Aznar e propiciado pola ladaíña de sucesos extraordinarios, nos xulgados e na rúa logo dun longo percorrido de manifestacións contra a amnistía, co uso do Non como bandeira, a utilización do Senado como elemental cámara de oposición, a instrumentalización das Autonomías con sentido partidario, o pulido da posverdade, a negación do xogo democrático fixado na Constitución...

O certo é que semellan artigos de merchandising para a feira dunha conspiración. Porén escoitando á xente da rúa intúo que semellante mercadoría acabará dando a maioría absoluta en 2027 ao incombustible e non derrogado Sánchez. Velaí a resposta.

Contenido patrocinado

stats