Día Nacional de Galicia ou Día do Polbo á Feira?

Publicado: 25 jul 2026 - 03:00
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Imos ao básico, e supostamente sabido por todos (que cada quen interprete como queira ese “todos”, que para gustos, as cores): O día 1 de xaneiro de 1979, o DOG publicou o decreto polo que se declaraba Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano, decreto e denominación oficial que seguen vixentes a día de hoxe, xa que nunca foi derrogado, como é doado de comprobar, polo que, alomenos de momento, o 25 de xullo segue a ser oficialmente o Día NACIONAL de Galicia.

   Cando Fraga Iribarne, ao que lle gustaba que os paisanos lle chamaran don Manuel, e a poder ser que todo o mundo esquecera a súa etapa franquista (como ministro de Gobernación do derradeiro goberno de Franco chegou asinar varios fusilamentos e condeas a garrote vil, e o partido por el fundado, Alianza Popular, hoxe PP, mostrouse contrario a abolición constitucional da pena de morte, amais de que nin a metade dos integrantes dese partido, entre eles outros seis ministros franquistas, votaron a favor da Constitución do 78, da que tanto se aproveitan hoxe os seus herdeiros sen remorsos), chegou á presidencia da Xunta en 1990 un dos seus anceios primordiais era esvaecer no posible a verba maldita, imposta de antemán: Nacional.

  Daquela, como non se atreveu a derrogar o decreto, que na tan glorificada como falsa transición non xurdira precisamente de ningún goberno de esquerdas ou nacionalista senón da súa póla dereitista e ultraespañola (malia que procedera en orixe da Asemblea das Irmandades da Fala de 1919, que acordara celebrar o primeiro Día Nacional de Galicia, xa con esa denominación logo copiada na preautonomía, o 25 de xullo do ano seguinte, 1920, polo cal a data vai cumprir agora os centoséis anos, non é de onte), inventouse o espelido de Vilalba o seu propio Día Rexional de exaltación relixiosa e paparotas, centrado nun Xacobeo ben regado de cartos, incluída a brutal campaña mediática, que perdura ata hoxe como emblema da Galicia máis tópica e sumisa ao poder do Estado, cada vez máis centralista e menos “autonomista”, calquera cousa que iso signifique.  

  Porén, malia non considerar nunca a Galicia unha nación, e aborrecer o Día da Patria Galega que adoitan empregar os diversos grupos galeguistas e/ou partidos nacionalistas e independentistas, Fraga aparece hoxe, quen o diría, reflectido no espello dos actuais mandatarios da Xunta, case que como un galeguista da vella escola, dos que loitaron por unha autonomía que nunca foi mais que sobre o papel (entre outras cousas, a existencia das decimonónicas e antidemocráticas provincias centralistas, impostas a machamartelo por un simple decreto en 1833, e os niños de caciques que seguen a ser as non menos casposas deputacións, ámbalas dúas en principio non contempladas dentro da CE do 78, invalidan por completo a suposta autonomía galega, por incompatibles; léase aos catedráticos de Derecho Constitucional Pérez Royo e Caamaño, entre outros).     

  A Xunta do PP, a partires do 2009, último ano do goberno bipartito, foi paseniña pero implacablemente, desbotando o termo “Nacional” oficial e elixe adrede o uso dun anodino "Día de Galicia" ou "Día do Apóstolo" para se alonxar da xénese política e soberanista, que pode ferir a sensibilidade dos amos madrileños. Deste xeito, o Día de Galicia é como o Día do Café Descafeinado (DCD), ou o Día do Polbo á Feira (DPF), un combinado indixesto de política pueril e folclorismo de baixa estofa, ou viceversa, que tanto ten. Boten unha ollada ás portadas de toda a prensa galega esta mañá, aos telexornais e demais parafernalia mediática e conten os “Galicia celebra hoxe o seu Día Nacional”. Vanlles sobrar todos os dedos das mans (agás nos pouquiños xornais escritos integramente en galego, eses que precisamente non reciben un can da Xunta por potenciar o idiona propio desta terra, aínda que estean na nosa lingua de cabo a rabo). O triunfo de “La Roja”, que encheu as rúas de bandeiras “nacionales” seguro que abonda para a maioría, incluso neste día tan sinalado para os galegos.   

  Alguén me dirá que unha cousa non ten nada que ver coa outra, pero estando un galego na selección española foi practicamente imposible ver nas celebracións (ou nas rúas das nosas cidades) unha bandeira galega a carón dos miles de trapos marelo-vermellos, dos que moitos descoñecen que foi unha enseña recuperada polo ditador (a da República era daquela a legal), a carón da monarquía que en principio tampouco estaba prevista na flamante CE 78, e un dos símbolos máis recoñecidos da súa longa ditadura, á que agora só lle falta que volte o “aguilucho”. Hai que darlles tempo, que como din os da ultradereita española en auxe (ben arroupados polo PP de “nunca pactaremos con Vox”), todo se andará... E aínda hai quen se pregunta por que moita xente (e non só galegos, bascos ou cataláns) non poden ver esa bandeira sen que lles saia un sarpullido. E se os galegos miramos de esguello esta serie de cousas que van en contra da nosa idiosincrasia, do noso vedraño país (en definitiva, da nosa NACIÓN, que lembremos que así foi recoñecida en 1933 pola Sociedade de Nacións, xerme da ONU), pode que teñamos o que nos merecemos, e haberá que darlle a razón a Celso Emilio Ferreiro (ou quizáis a Laxeiro, non sei...) cando abraiados exclamaban aquilo de “que fermoso país pero que carallo de xente!”.

Contenido patrocinado

stats