O carballo de Buchenwald

Publicado: 20 jun 2026 - 03:00
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Cada xuño, o mesmo titular: o alumno brillante que, podendo escoller calquera cousa, "malgasta" a súa nota nunha carreira de letras. Esta semana houbo dous —Juan Mosquera, un 13,64 sobre 14, marcha a Filoloxía Galega; Sabela Martínez vai a Harvard a doutorarse en Filosofía—. Dío todo que isto sexa noticia, e que a xente de letras teña que andar sempre xustificándose —que se ten saídas, que se forma o pensamento crítico—, como se o saber precisase coartada. A ninguén se lle debería preguntar para que quere coñecer o mundo.

En 1959, en Cambridge, o escritor e físico Charles Percy Snow denunciou que as "dúas culturas", a científica e a humanística, vivían de costas unha á outra. Os letrados escandalizaríanse ante un científico que non lese a Shakespeare, pero eles mesmos eran incapaces de enunciar a segunda lei da termodinámica. O muro segue a existir, nas dúas direccións.

O coñecemento é unha soa árbore; ciencias e humanidades, dúas pólas do mesmo tronco. Demóstrano os que máis souberon. Goethe, o poeta nacional alemán, escribiu tratados de botánica. E aquí mesmo, o Seminario de Estudos Galegos xuntou en 1923 a xeógrafos, historiadores, naturalistas e musicólogos para pensaren o país enteiro, décadas antes de que Snow lle puxese nome a ese divorcio. Unha cabeza ben pensante nunca ten crido nas dúas culturas.

Pero ningunha póla da árbore nos salva por si soa. No centro do campo de exterminio de Buchenwald erguíase un carballo que os SS coidaban con esmero: era a árbore onde Goethe se sentaba a escribir. Weimar, capital do humanismo alemán, quedaba preto. E a man que asinaba as deportacións ás cámaras de gas emocionábase, pola noite, escoitando a Wagner. Velaquí a falacia que cómpre desmontar dunha vez: a filosofía e as letras non outorgan pensamento crítico nin bondade. A cultura, por si soa, non fai mellores as persoas.

Tampouco a ciencia nos redime. Cando estoupou a primeira bomba atómica, no deserto de Novo México, o físico que dirixira a súa creación, Robert Oppenheimer, botou man dun verso: lía sánscrito, e veulle á memoria unha liña do Bhagavad-gita: "Convértome en Morte, destrutora de mundos". A ciencia acababa de inventar un mundo novo, apocalíptico, e foron as letras as que tiveron que nomealo. Velaí a unión, tan fértil como terríbel, das dúas culturas. Porque non hai tecnoloxía neutral, nin algoritmos sen unha filosofía detrás: as humanidades non lle piden permiso á ciencia; xa están dentro dela.

A verdadeira resposta é unha formación temperá, continua e de veras integral. Empezan a verse sinais —graos novos que volven xuntar matemáticas e filosofía, como quen restaura o vello quadrivium—, pero son aínda illas. E non abonda con xuntar as dúas pólas: hai que atalas á raíz, que é a conciencia ética, esa que tamén debería aprenderse fóra das aulas, día a día.

O que o século XXI nos esixe —ante a intelixencia artificial, ante o cambio climático, ante o poder novísimo de reescribir o que significa ser humano— non son máis sabios nunha póla ou na outra. Pídenos seres enteiros: humanidade, e non só humanidades. O carballo de Buchenwald, que unha bomba acabou queimando, está aí para lembrárnolo; xa o vira, dende o exilio e xusto antes de morrer, o escritor austríaco Joseph Roth, que lle dedicou en 1939 o seu derradeiro artigo. Porque unha mesma árbore pode dar sombra a un xardín ou a un campo de exterminio, e a diferenza nunca está nas pólas, senón nas raíces.

Contenido patrocinado

stats