Manuel Orío
La línea que no se cruza
Facer realidade unha candidatura única das forzas de ámbito galego como propuxo o BNG sería un paso adiante, xa que todo reflicte que o panorama institucional vai mudar, coa perda do Governo central polo PP. As pasadas municipais e autonómicas foron un anticipo deste cambio. Ademais, o proceso de independencia en Cataluña segue avanzando, malia que Madrid prefire ignorar as reclamacións soberanistas. Engadamos o duro axuste económico, social e laboral, en prexuízo dos países e clases máis débiles. E a revolución comunicacional e unha crise de civilización: desfeita ecolóxica, perigo nuclear, presión demográfica, violencia sistémica, etc.
De todos os xeitos, non se albisca que a mudanza na correlación de forzas nas xerais vaia ser tan grande como pra que fiquemos ás portas dun Congreso Constituínte. Podemos xa se conforma con disputarlle ao PSOE a primeira praza da "esquerda". E, consígao ou non, que é abondo difícil, a necesidade dunha alianza co PSOE pra governar relegaría o recoñecemento do dereito á autodeterminación. Toda mudanza virá polo tanto do que empurre o nacionalismo catalán, e dos retoques que queira facer un governo da oposición pra calmar as augas revoltas en Cataluña. Hai polo tanto moitas posibilidades de que o chamado Estado das Autonomías sufra cambios. Ate onde? É difícil sabelo. Mais, cando menos, Galiza como "nacionalidade histórica" debería manter un estatus igual ao de Euskadi e Catalunya.
Neste contexto, a Conferencia Nacional de ANOVA botou un xerro de auga fría sobre esta proposta de unidade electoral do nacionalismo galego. Reafirmáronse no protagonismo "das mareas, os cidadáns e a esquerda rupturista", reproducindo o actual esquema de alianzas, que dá un papel secundario á autoorganización e á loita a prol da soberanía. Isto ten a súa lóxica electoral, dados os bos resultados nalgúns lugares nas pasadas eleccións e que están condicionados por dinámicas estatais. Son produto da asociación con partidos dese ámbito.
Pra alén das declaracións circunstanciais que ANOVA faga encol da soberanía, toda iniciativa a respeito da cuestión nacional galega xeraría roces cos seus aliados nas institucións (estatais, autonómicas, municipais e europeas). Afirmar, como fai Beiras, que a estratexia correcta neste intre é primar a problemática social, por mor da crise, non se reflicte despois na práctica. Semella unha xustificación. Tanto no aspecto socio-laboral como en relación á problemática nacional, o BNG ten unha maior presenza, iniciativa e combatividade. Algo lóxico, porque ambas contradicións son interdependentes na Galiza. Resulta máis coherente a contestación do co-líder de ANOVA, Martiño Noriega, cando di que non é nacionalista, senón unha persoa que naceu na nación galega, que el é internacionalista! A contestación carece de lóxica, a non ser pra fixar postura, xa que o nacionalismo (dos povos sometidos) non é contraditorio co internacionalismo,... só o é en relación co Estado dominador.
Acordar unha candidatura única non tería que ser unha tarefa difícil, xa que a maioría dos partidos nacionalistas estaban integrados no BNG ate hai pouco. Dise que as rupturas sempre deixan feridas. Pode ser certo. Mais o importante pra todo/a activista é levar adiante os obxectivos programáticos. E pra os/as nacionalistas galegos iso significa conquistar a soberanía con xustiza social. Pra facer a andaina dunha candidatura unitaria as distintas sensibilidades do nacionalismo terán que valorar canto lles favorece, e a importancia doutros espazos compartidos, pra o avance do proxecto. E cales deben ser os mecanismos pra garantir as singularidades, as propostas estratéxicas, e as decisións democráticas. En conclusión, é o momento da verdade, de ollar o que cada forza pon por diante.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Mundial 2026
España se cura con una goleada ante Arabia Saudí
Conflicto en Oriente Próximo
Negociación tensa en Suiza: Irán da un portazo a Trump por sus amenazas