A Xunta inicia os trámites para a ampliación da Autovía do Salnés
O goberno autonómico aprobou á declaración do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para impulsar a mellora da VG-4.1 e da PO-308, que suporá un investimento de 40,4 millóns de euros
O Consello da Xunta deulle luz verde á declaración do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para impulsar a mellora da funcionalidade, capacidade e integración ambiental da VG-4.1, coñecida como a Autovía do Salnés, e da PO-308 na contorna da Lanzada.
Trátase dun conxunto de actuacións, que contan cun investimento de 40,4 millóns de euros, para dar resposta ás necesidades de mobilidade nesta contorna, nos municipios do Grove e Sanxenxo, que contribuirá á maior fluidez do tráfico, especialmente no verán. Ao mesmo tempo, proxectaranse accións de preservación dos valores ambientais desta área, que pertence á Rede Natura 2000.
En primeiro lugar, esta estratexia inclúe a ampliación da capacidade da VG-4.1 entre Sanxenxo e A Lanzada, prologando a autovía ata o enlace de Noalla e cun terceiro carril. En segundo lugar, executarase unha ampliación a catro carrís do tramo da estrada PO-308 entre a glorieta da V.G.-4.1 e a PO-550. A continuación, levarase a cabo o desprazamento do cruzamento peonil no tramo que se amplía da PO-308, substituíndo o que actualmente utilizan peóns e ciclistas que acceden á praia da Lanzada polo camiño dos Madóns. A maiores, se construirá unha senda na PO-550.
Finalmente, habilitarase unha senda peonil e ciclista no tramo que se amplía da PO308, e no istmo da Lanzada da PO-316.
De xeito complementario a estas medidas viarias, no PIA tamén se incorporan actuacións ambientais de gran valor coma son a restauración de dunas o aumento da capacidade das drenaxes dos viais afectados.
A Xunta anunciou o pasado setembro que espera comezar as obras, que contan coa aceptación dos concellos de Sanxenxo e O Grove, no primeiro semestre de 2026 e finalizar no 2027.
Contenido patrocinado
También te puede interesar