A ampliación do ambulatorio de Baltar prevese para o 2026

Sanidade publica a licitación da redacción do proxecto da obra, na que investirá 5,2 millóns de euros e dará cobertura a 21.800 usuarios

O conselleiro de Sanidade, o alcalde de Sanxenxo, o xerente da área sanitaria e o director do 061.
O conselleiro de Sanidade, o alcalde de Sanxenxo, o xerente da área sanitaria e o director do 061. | D.P.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou onte a publicación da licitación da redacción do proxecto da ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar (Sanxenxo), na que o Executivo galego ten previsto investir preto de 5,2 millóns de euros.

O titular da carteira sanitaria reuniuse co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, nunha xuntanza á que tamén asistiron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores; e o director de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez.

Gómez Caamaño detallou que para a redacción do proxecto do futuro centro de saúde, a Xunta destina 392.000 euros. As empresas teñen de prazo ata o 18 de setembro para presentar as súas ofertas, polo que a previsión é poder dispoñer do proxecto redactado no primeiro semestre do vindeiro ano, como paso previo a poder licitar as melloras.

O titular de Sanidade recoñeceu que esta reforma é unha actuación necesaria, dada a relevancia asistencial deste centro, situado en Portonovo, e que atende máis de 21.800 tarxetas sanitarias, incluindo a poboación de Sanxenxo e de Meaño cun notable incremento no verán.

Con toda esta actuación, o centro disporá de 10 consultas de medicina xeral, espazos para a farmacia, para o nutricionista, cirurxía menor, técnicas e tratamentos, todos eles con salas de espera propias.

No que atinxe á área de pediatría, o ambulatorio terá tres consultas de medicina e tres de enfermería, ademais de sala de lactación. O espazo de atención á muller disporá de consulta de matrona que incluirá quenda de tarde grazas á incorporación dunha nova profesional, así como unha sala de educación para a saúde.

O centro de saúde reformado terá 4.400 metros cadrados e reforzará fisioterapia, cunha consulta específica e un ximnasio ampliado.

Sanxenxo estará cardioprotexido

O conselleiro de Sanidade detallou, ademais, durante a xuntanza de traballlo de onte, un proxecto co obxectivo de lograr un Sanxenxo cardioprotexido.

Trátase de dotar ao municipio do Salnés dunha rede de desfibriladores que permita unha resposta áxil e eficiente ante unha parada cardiovascular, así como de voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar.

O obxectivo último é que Sanxenxo teña un ratio de desfibriladores necesario para situalo á vangarda europea. O alcalde. Telmo Martín, considera interesante esta iniciativa e asegura que as dúas administracións afondarán para materializala nos vindeiros meses.

Cabe recordar que durante o verán, Sanxenxo conta con 80 socorristas e 20 auxiliares de Policía Local cos coñecementos de salvamento.

Contenido patrocinado

stats