De turismo pola Ría de Aldán nun bateeiro
A proposta permitirá coñecer o traballo nunha batea desde a perspectiva de quen o desenvolve cada día
O GALP Ría de Vigo-A Guarda incorpora ao seu territorio unha nova experiencia de turismo mariñeiro no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. Trátase de “Pescaturismo na ría de Aldán”, unha proposta realizada por Carlos Varela, bateiro profesional, que será o encargado de acompañar aos participantes a bordo do seu barco, o “Cruceiro de Hío”. A experiencia permitirá navegar pola ría de Aldán ata a súa batea e coñecer de primeira man como se desenvolve unha actividade directamente vinculada ao cultivo do mexilón.
Os participantes subirán ao “Cruceiro de Hío” para iniciar unha saída na que poderán coñecer o funcionamento dunha batea, as diferentes fases do cultivo do mexilón e as ferramentas e tarefas que forman parte do traballo diario dun profesional do mar. Ao longo da experiencia, o bateiro compartirá os seus coñecementos e vivencias e explicará tamén como as condicións do mar, a calidade das augas e as características da ría inflúen no desenvolvemento da actividade. A proposta permitirá así coñecer o traballo que se realiza habitualmente nunha batea desde a perspectiva de quen o desenvolve cada día. A riqueza natural da ría de Aldán terá tamén un papel destacado durante a saída, permitindo comprender a relación entre o cultivo do mexillón e o ecosistema mariño no que se desenvolve. A experiencia rematará cunha degustación de mexilóns, como parte desta aproximación aos produtos e recursos propios da ría. A iniciativa pretende ofrecer así unha forma diferente de achegarse ao patrimonio marítimo-pesqueiro, poñendo no centro a experiencia dun profesional do mar e os coñecementos asociados a un oficio fundamental para entender a paisaxe, a economía e a identidade das rías galegas.
A actividade desenvolverase o venres 11 de setembro, de 9:00 a 12:00 horas, con saída desde a rampa situada fronte á casa de turismo rural A Casa de Aldán. As persoas interesadas poden contacar ao teléfono 618 320 033.
Contenido patrocinado
También te puede interesar