Defensa personal
Conocimientos que ojalá nunca se usen
Torneo +Deporte Atlántico
Vigo/Pode chover, pode levantarse algo de vento, pode volver saír o sol. Fará un pouco de todo, pero o recuncho da desembocadura do Lagares na praia de Samil é un verdadeiro lugar de paixón, de goce, de festividade deportiva. Nun día de outono adiantado tras un verán de moito sol, o torneo +Deporte Atlántico deixou unha verdadeira fotografía de estío no lateral do areal. Alí, entre pelotas ó aire, redes, camisolas de xogo, algún berro e moita diversión, continuaba o cheo na popular praia viguesa. A causa era o evento de voleibol praia organizado por este xornal xunto ó Volei Praia Vigo. “El verano duerme en nuestra playa” podería comentarse trocando algo a canción latina de Nek famosa nas discotecas dos noventa.
Este panorama deportivo, de amizade e de festa competitiva, tivo a participación de 141 parellas para máis de douscentos xogadores en tres cadros de competicións. Moitos dos deportistas combinaron o torneo mixto co masculino ou feminino de xeito que pasaron o domingo na praia entre café para levar, sesta, partido, ‘tuper’ de comida e algún que outro comentario xocoso que era recibido ou emitido en función de se o xogador estaba no campo ou na area. Así é a vida.
Un punto tras outro, un balón tras outro, pasaron os partidos e as horas ata acumular once para chegar ás finais. Porque, ademais de diversión, tamén houbo encontros de nivel, loitados con ambición para tentar acadar o título. E, entre os nomes, como non podería ser doutro xeito, destacaron os xogadores do Volei Praia Vigo. Os integrantes do club organizador buscaron ser profetas na súa praia. Cousa relativamente sinxela por volume de participantes.
Os xogadores do Volei Praia Vigo mandaron no palmáres do torneo +Deporte Atlántico que tivo 141 parellas e un ambiente extraordinario
Así, tras moitos partidos, o primeiro cadro en resolverse foi o mixto e a vitoria recaeu en Roque Portaña (La Barra) e Daniela Alonso (Volei Praia Vigo), que superaron a Marta González (Volei Praia Vigo) e José Antonio Ramírez. Deuse a circunstancia que, nesta categoría, unha das promesas so club vigués superou á presidenta da entidade na final do cadro. Dúas xeracións sobre a cancha, que amosan un pouco máis a magnitude do evento. No terceiro chanzo finalizaron Aitor Gómez e Leire Stein.
O longo día de voleibol sobre a praia rematou coas finais masculina e feminina. Serían os partidos estrela do día e, como non podería ser doutro xeito, contaron cunha enorme expectación porque, pese os chubascos de tarde, moitos dos participantes optaron por quedar para ver a resolución do evento. En homes, saíu como gran triunfador do día Roque Portaña porque asinou o ‘dobrete’. Impúxose xunto a Carlos Sánchez, un histórico do voleibol vigués de pista, que tamén amosou aptitudes en Samil. A vitoria no partido polo título foi ante a parella de irmáns formado por Javier e Pepe Loureiro (Volei Praia Vigo). O dúo de Adriáns -Pérez e Iglesias- remataron na terceira praza.
Na categoría feminina, a presidenta da entidade organizadora, Marta González, si acadou a primeira posición. O fixo acompañada pola súa compañeira de club Sofía Iglesias. A final foi desas fratricidas, pero con enorme agarimo, porque xogouse contra outra parella do Volei Praia Vigo, a formada por Jacqueline Casal e Yolanda García. O terceiro posto recaeu na italiana afincada en Vigo Federica Farabegoli e Patricia Vázquez. As xogadoras da casa amosaron a súa calidade nas rondas finais despois de moitos partidos.
Unha das principais preocupacións do fin de semana no torneo +Deporte Atlántico estaba na cuestión meteorolóxica e, por sorte para xogadores, organización e público, a choiva respectou moito máis do esperado porque o prognóstico falaba de ter bastante auga ó longo dos dous días. Esta compoñente apareceu, pero o fixo de forma escasa e por momentos illados para a felicidade de gran parte dos participantes. Un deles, no mediodía do domingo, felicitábase por este feito nun deses instantes nos que o día parecía que ía consolidarse como solleiro. Non remataría por suceder, pero si que a temperatura era óptima para practicar o deporte e esforzarse sen rematar afogado. Unha das chaves do día foi esta e a ausencia de frío. O único elemento que si condicionou o xogo foi a aparición do vento de sur, que golpeaba por momentos e condicionaba o xogo, especialmente nas pistas situadas máis preto da praia.
El verano duerme en nuestra playa” podería comentarse trocando algo a canción latina de Nek famosa nas discotecas dos noventa
Un aspecto que foi tido en conta en moitos dos encontros porque a pelota ía ós lados, especialmente naqueles momentos nos que un dos xogadores buscaba colocar dos dedos o balón ó seu compañeiro. Se o toque era máis frotante que firme, o aire notábase máis para desviar a traxectoria desexada. Era necesario ter en conta ese elemento que non sempre é sinxelo de facer cando o golpeo co esférico xa é apurado.
Precisamente, o intercambio de balóns é a base do voleibol praia cos seus remates, cos toques de precisión, pero tamén cos numerosos saltos sobre a area para levantar os balóns cando están a punto de bater co chan. Unha modalidade que é toda unha arte e que sempre deixa algunha das mellores instantáneas en cada torneo. Son aquelas nas que o xogador salta e voa para tentar levantar o esférico e, moitas veces, remata co punto do equipo contrario e o corpo cheo de area, pero así son as cousas. En cada intento de salvación ó límite resurxe no interior do deportista o neno que xogaba en Samil sen outro motivo que pasar o tempo. Uns anos despois, os xogadores de voleibol praia agochan no deporte ese goce de cativo de tirarse ó chan brando con ou sen balón. Cando un deporte permite ser un pouco neno, ten moitas opcións de ter éxito como o torneo +Deporte Atlántico.
Ademais de deportistas, en Samil tamén asistiu público, que eran amizades e familiares dos participantes. Entre eles estaba a familia de Gerardo Guisande que seguía nunha cadeira típica de praia as evolucións da xogadora da casa. Ela anotouse e o resto do núcleo familiar trocou o que sería a papatoria tradicional do domingo -con posible grellada- por un día de praia. “Xa somos un grupo de amigos”, resalta o home de 66 anos mirando ós lados onde se arrexuntan as cadeiras e os sorriso dos seus ocupantes mentres ofrecía as explicacións. Eles tamén gozaban con ese día de voleibol. Non era día de praia, pero o estío mantíñase nun curruncho de Samil.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último