A Xunta propón o 2026 como “Ano Ramón Otero Pedrayo”

A iniciativa busca poñer en valor a figura do autor e promover achegas para divulgar o seu legado

Publicado: 19 sep 2025 - 09:17 Actualizado: 19 sep 2025 - 09:21
Miguel Ángel Santalices, José López Campos e Antonio López.
Miguel Ángel Santalices, José López Campos e Antonio López.

Con motivo do 50 aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo e coincidindo co centenario da publicación “Guía de Galicia”, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxo on te declarar o 2026 como “Ano Ramón Otero Pedrayo”. O obxectivo desta proposta é “coñecer e divulgar o legado” do autor ourensán, que marcou o devir da cultura galega, co seu traballo e iniciativas.

Durante este 2025 estase a celebrar o “Ano Castelao”, unha conmemoración que, en palabras do conselleiro, está a permitir darlle ao intelectual un “maior recoñecemento”, ademais da posibilidade de afondar máis na súa obra, traxectoria persoal e política. Nesa mesma liña, o ano que vén, buscase render homenaxe a figura do autor nado en Ourense. “Despois dun ano no que homenaxeamos a Castelao, unamos de novo as institucións para poñer en valor a figura de Otero Pedrayo, un autor que estivo detrás dos grandes proxectos en prol da dignificación da cultura galega”.

A idea desta homenaxe foi exposta durante a presentación das cátedras institucionais dedicadas tanto ao escritor ourensán, como a Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero, onde López Campos destacou que o legado destes persoeiros son “o piar que define a nosa cultura e identidade como galegos e por iso é importante recoñecelo e enxalzalo”. O conselleiro estivo acompañado polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que asegurou que é unha honra colaborar na creación destas catro cátedras, xa que “os catro están presentes con cadanseu espazo na que é a casa de todos os galegos; e periodicamente impulsamos actos e actividades coas que honramos a súa memoria”. Na presentación participou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, institución que impulsa as cátedras.

Catro novas cátedras para honrar a figuras senlleiras

As cátedras institucionais que se poñen en marcha levan o nome de catro referentes vencellados á historia galega. Así, coa creación da de Rosalía de Castro refórzase a importancia da escritora galega máis universal, recordada por publicar a primeira grande obra en lingua galega Cantares Gallegos no ano 1863, e por ser a precursora da poesía española e referente do Rexurdimento.

As de Castelao e Otero Pedrayo, pola súa banda, inciden na repercusión de ambos autores como representativos da cultura galega do século XX, ao tratarse de figuras polifacéticas como narradores, ensaístas, dramaturgos, debuxantes e políticos. Por último, a de Carvalho Calero consolida a trascendencia do escritor pola súa defensa pola lingua e cultura galegas.

Contenido patrocinado

stats