A Xunta creará 211 prazas ata 2028 para abrir os PAC os sábados de mañá

A ampliación do servizo dos PAC suporá a incorporación de máis de 200 traballadores: 100 serán de persoal médico, 80 de enfermaría e 31 de xestión e servizos

Publicado: 21 abr 2026 - 09:30 Actualizado: 21 abr 2026 - 10:15
El PAC de Vigo.
El PAC de Vigo. | Vicente Alonso

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación da normativa que ampliará o horario dos Puntos de Atención Continuada (PAC), que abrirán tamén as mañás dos sábados para reforzar a continuidade asistencial na atención primaria. Así, os PAC funcionarán de luns a venres entre as 15,00 e as 8,00 horas do día seguinte, e durante as 24 horas os sábados, domingos e festivos.

Rueda explicou que esta ampliación suporá a creación de 211 prazas ata 2028, das que 100 serán de persoal médico, 80 de enfermaría e 31 de xestión e servizos. O investimento previsto ascende a 10,3 millóns de euros, dos que 3,7 millóns corresponden a este ano e 6,5 millóns aos exercicios 2027 e 2028. En 2024 incorporaranse 77 prazas, 69 en 2027 e 65 en 2028.

A modificación do Decreto 172/1995, que actualiza o Plan de urxencias extrahospitalarias, materializa a redución progresiva da xornada ordinaria pactada coa representación sindical. Segundo Rueda, o cambio recoñece como atención continuada a actividade dos sábados pola mañá, que na práctica xa tiña ese carácter nos centros de saúde. A medida complétase cun programa incentivado de voluntariedade para gardas nos PAC, acordado na Mesa Sectorial de Sanidade. O Consello aprobou tamén o procedemento para exercer opcións de xornada complementaria, negociado previamente cos traballadores.

Mesa de diálogo

No Consello da Xunta de onte tamén se aprobou o Decreto polo que se crea a Mesa de diálogo social de Galicia establece as bases para institucionalizar e regular este espazo de negociación, converténdoo no órgano superior de participación institucional permanente da comunidade. O conselleiro de Emprego, José González, reivindicou que a Xunta fai unha “aposta decidida polo consenso”, aínda que a CIG, a central maioritaria de representación das persoas traballadoras en Galicia, rexeita formar parte deste instrumento. González, que non mencionou nin a esta nin a ningunha outra organización na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a reunión semanal do Goberno galego, limitouse a constatar que no diálogo social “van estar representadas as principais organizacións sindicais e a patronal”. En concreto, forman parte a CEG (Confederación de Empresarios de Galicia), por unha banda, e UGT e CCOO, pola outra. Con anterioridade ao conselleiro, o presidente galego, Alfonso Rueda, salientou que é “a primeira vez que se aproba” un decreto destas características na comunidade galega, que establece a composición, organización e funcionamento do diálogo social.

Outro dos acordos foi a contratación, mediante a modalidade de renting, de 137 novos vehículos todoterreo tipo pick-up para o persoal do Servizo contra Incendios para o período 2026-2029. O valor estimado, incluíndo posibles prórrogas, ascende até os 9,5 millóns de euros.

Contenido patrocinado

stats