O vacún galego multiplica por dez a súa rendibilidade
Os prezos dos tenreiros disparan a clase Ternera Gallega, mais chega un cambio de tendencia
O vacún galego alcanzou en 2025 unha rendibilidade “extraordinaria”, con 27.656 euros de marxe económica por granxa de Ternera Gallega, dez veces máis que os 2.665 euros rexistrados en 2024, grazas á suba dos prezos.
Esta marxe resulta duns ingresos medios por explotación de 110.572 euros fronte a uns custos de produción de 82.916 euros, incluída a remuneración imputada ao traballo das persoas propietarias.
As conclusións proceden dun estudo elaborado pola Fundación Juana de Vega e presentado polo Grupo Operativo Rede Galega de Granxas Modelo na sede compostelá do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego. O traballo, o terceiro desenvolvido no marco deste grupo, analizou 17 explotacións familiares de vacas nutrices nas que os becerros nacen, se crían e se ceban na propia granxa baixo a categoría Ternera Gallega Suprema.
Con todo, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, advertiu dun cambio de tendencia en 2026, con prezos á baixa un 4% interanual no caso da tenreira, segundo o informe de setembro do Ministerio de Agricultura. Para a categoría dos anellos, o descenso alcanzou o 13%.
A evolución dos prezos coincide cunha redución da demanda interna e das exportacións de animais vivos. No primeiro semestre de 2026, o consumo de carne fresca de vacún nos fogares españois caeu un 10,2% e as exportacións de bovinos vivos diminuíron un 64% en volume, mentres a produción se mantivo relativamente estable.
O sector afronta tamén o encarecemento de insumos como os combustibles, os fertilizantes e a alimentación animal. A seca, recorrente, reduciu ademais a dispoñibilidade de pastos e forraxes e obrigou algunhas explotacións a incrementar as compras de alimento para o gando, o que engade presión sobre os custos.
Estudo
A investigación analizou 17 granxas cunha media de 99 animais por explotación: 54 vacas nutrices, 37 tenreiros, seis animais de recría e dous touros. O valor medio da cabana gandeira ascende a uns 238.500 euros por granxa. O custo de produción situouse en 7,45 euros por quilo e os ingresos, incluídas as subvencións, en 9,94 euros/kg, o que deixa unha marxe de 2,49 euros/kg, precisan os investigadores. A cifra, subliña o informe, multiplica por dez os 0,25 euros/kg de 2024 e supera tamén amplamente as dos anos anteriores. A principal explicación desta mellora foi o incremento do prezo dos tenreiros. O valor medio percibido polas explotacións pasou de 5,97 euros/kg en canal en 2024 a 7,29 euros/kg en 2025, un aumento do 22%.
A renda dispoñible anual por explotación, antes de imputar o salario das persoas propietarias, ascendeu a 54.567 euros.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último