Estas son as candidatas a Palabra do Ano 2024

As palabras fan referencia a temas de actualidade e mesmo ás protagonistas do Día das Letras Galegas 2025 e recollen preocupacións da sociedade

As candidatas a Palabra do Ano 2024.
As candidatas a Palabra do Ano 2024.

Galicia xa ten as súas candidatas a Palabra do Ano 2024. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié anunciaron que as finalistas son 'aparvar(se)', 'cantareira', 'dina', 'emerxencia climática', 'fala' e 'meu' ou 'miña'. Para decidir a gañadora está aberto desde este mércores o proceso de votación 'Portal das Palabras'. O prazo para escoller palabra remata a medianoite do 25 de decembro.

Todas as palabras candidatas fan referencia a temas de actualidade ou a respostas dadas desde a lingua a expresións alleas. Tamén hai unha chiscadela ás protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, dedicado á poesía popular oral e as mulleres que a mantiveron viva durante séculos coas súas voces.

O significado de cada palabra

  • 'aparvar(se)': "quedar parvo ou sen capacidade de discorrer" na súa forma intransitiva ou "pór como parvo, deixar sen capacidade de discorrer a alguén", na transitiva. Representa a preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos en redes sociais e o seu impacto entre a mocidade.
  • 'cantareira': palabra coa que se coñece ás mulleres que cantan e crean cantigas populares. Trátase dunha voz polisémica, que pode significar persona que sabe cantar ou é afeccionado ao canto ou facer referencia a algo ou alguén que emite un son agradable e melodioso.
  • 'dina': substantivo acrónimo en galego de dana --depresión illada en niveis altos--, triste protagonista do último trimestre do ano pola traxedia vivida na Comunitat Valenciana.
  • 'emerxencia climática': este sintagma nominal alerta das graves consecuencias do cambio climático e apela á acción colectiva para frealo.
  • 'fala': a voz popular que designa a "lingua natural propia dunha comunidade humana". Destaca a preocupación pola saúde da lingua galega e márcase como desexo para 2025 que a sociedade galega "abra un novo tempo para o idioma, revertendo a perda de falantes e xerando consensos ao redor do noso gran tesouro colectivo"
  • 'meu' ou 'miña': voces que a RAG reivindica como alternativa ao anglicismo 'bro', apócope de 'brother' e moi estendido entre os máis novos para relacionarse entre eles. A Academia resalta o seu uso tradicional oral, sen artigo.

Contenido patrocinado

stats