Sogama aposta pola IA e ensaia a súa robotización

Sogama

Javier Domínguez di que a compañía pretende “facer máis con menos”

Agencias

Publicado: 19 sep 2024 - 03:00

O presidente de Sogama, Javier Domínguez.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez.

Sogama avanzou onte as grandes liñas do seu Plan Estratéxico 2024-2030. Nun encontro informativo con medios, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, asegurou que a compañía pretende “facer máis con menos, gañar en autosuficiencia e eficiencia, e aforrar custos”.

No contexto da polémica pola suba do canon que pagan os concellos, Díaz lembrou de novo que “as medidas estatais supuxeron un desequilibrio económico para a empresa de 33 millóns de euros, de aí a necesidade de actualizar o canon”, que continuará a ser “o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España”, subliñou.

O presidente defendeu ademais o modelo de xestión de Sogama, avalado e ratificado pola UE, “que demostrou con creces ser o único que achega solucións á problemática de residuos en Galicia”.

Díaz detallou algunhas accións do Plan que se presentará con todo o seu contido nos próximos meses. E destacou a transformación dixital para gañar en eficiencia e eficacia, “apostando firmemente pola intelixencia artificial e a robotización”; a descarbonización dos procesos industriais, “substituíndo o uso de gas natural por un combustible renovable, potenciando ao mesmo tempo o uso do ferrocarril para o transporte de residuos”; a ampliación da actividade da compañía á recuperación de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil; e “a plena incorporación da economía circular” ao seu labor, pretendendo evolucionar desde unha empresa de tratamento de residuos a unha empresa xeradora de recursos.

Aval da UE

Javier Domínguez defendeu o modelo Sogama, avalado desde os seus inicios pola Unión Europea a través da concesión de 72 millóns, e ratificado posteriormente por unha auditoría externa e independente “encargada pola CE, na que se destacou a súa firme contribución á protección do medio ambiente e a saúde, a xeración de riqueza e a creación de emprego”, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

Igualmente, destacou que o sistema maioritario en Galicia “cumpre fielmente” coa xerarquía comunitaria ao priorizar a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Contenido patrocinado

stats