O sector vitivinícola galego, peza esencial dun rural vivo e produtivo
Cuñas Davia (DO Ribeiro) e Vía Romana (DO Ribeira Sacra) foron premiados como os mellores viños de Galicia
O sector do viño, as augardentes e os licores tradicionais galegos volveu demostrar o seu potencial e calidade nas Catas de Galicia, un certame que reuniu 462 mostras procedentes de 152 empresas. Un ano máis, a cita consolidouse como o gran escaparate da calidade dos produtos galegos.
A 38 edición da Cata dos Viños, a 28 Cata das Augardentes e a 15 Cata dos Licores Tradicionais recoñeceron o talento das adegas e destilerías que manteñen vivo o rural galego mediante un rigoroso proceso de selección, contando coa participación de máis de medio cento de especialistas nas precatas e un panel final formado por 12 profesionais de recoñecido prestixio na enoloxía.
Nesta edición, o recoñecemento de “Acios de Ouro” destacou aos mellores exponentes das diversas categorías e denominacións de orixe, acadando os títulos de mellores viños galegos Cuñas Davia (DO Ribeiro) como mellor branco e Vía Romana (DO Ribeira Sacra) como mellor tinto.
Máis alá dos galardóns, a importancia destes certames radica no valor económico e turístico que aportan aos produtos galegos. Deste xeito, as Catas de Galicia non só recoñecen a excelencia, senón que serven para fixar poboación no rural e reforzar a imaxe exterior de Galicia.
Durante a entrega dos galardóns, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu o esforzo e talento de todas as empresas participantes e, especialmente, das que foron recoñecidas cos premios. Na súa intervención sinalou que os produtos vitivinícolas representan valor económico pero tamén son parte da imaxe exterior de Galicia, un atractivo turístico e contribúen a cohesionar o territorio.
Tendo en conta este potencial, a Xunta de Galicia reafirmou o seu compromiso co sector do viño, que conta con máis de 12 millóns de euros en axudas para a modernización de viñedos, promoción e elaboración de produtos. Estratexias como o Plan Enogastronómico de Galicia e a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas buscan asegurar o futuro deste sector fundamental para a comunidade.
Recoñecemento ao valor histórico dos viños do Ribeiro
Cuñas Davia, de Adegas Valdavia, recibiu o Acio de Ouro que o recoñece como o mellor viño branco de Galicia nesta edición das Catas. A adega, da Denominación de Orixe Ribeiro, recibiuno como “un recoñecemento ao traballo de moitos anos, a un traballo de posicionamento e de tratar de facer ben as cousas, de representar os viños do Ribeiro e os viños de colleiteiro o mellor posible”. A nivel comercial, este premio consolida a marca como unha referencia de calidade e prestixio en Galicia.
A historia da adega mergúllase nas raíces fondas do territorio, remontándose ao século XII, cando os monxes do Císter estableceron en Cuñas unha das primeiras granxas vitícolas de Galicia. Tras séculos baixo a influencia do mosteiro de San Clodio e a posterior desamortización, foi o avó de Alberto quen, en 1957, adquiriu o lote de parcelas que iniciou o vínculo familiar actual. Hoxe, tras un proceso minucioso de unificación de máis de 70 parcelas e vinte anos de historia da marca Cuñas Davia, o proxecto converteuse nun exemplo de dimensión sustentable e respectuosa coa tradición.
Ademais, como presidente da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro, Alberto Úbeda amósase firme na defensa deste modelo produtivo, histórico na comarca. “A sociedade do Ribeiro articulábase en torno a eses pequenos colleiteiros, que hoxe en día están a desaparecer pola presión da burocracia, da normativa e da sobrerregulación”, advirte. Para el é necesario recuperar o “sentido común” para evitar que o pequeno produtor pase máis tempo no despacho que na viña, xa que “ser colleiteiro é unha elección dun xeito de vida”.
Alén da loita pola supervivencia do pequeno adegueiro, Alberto Úbeda reivindica a identidade do Ribeiro fronte ás correntes que buscan a uniformidade. “O Ribeiro é moito máis que treixadura; é o territorio onde conviven con excelencia todas as grandes variedades de Galicia”, afirma. Para el, a clave do éxito futuro non reside nunha única caste, senón na posta en valor da diversidade e do territorio.
Como parte do legado da denominación de orixe máis antiga de Galicia, considera o Ribeiro como “o territorio por excelencia dos viños premium” na comunidade autónoma grazas á súa xeografía, clima e solos privilexiados. Úbeda lanza un desafío cara ao sector, lembrando a relevancia histórica da rexión entre os séculos XIV e XVI. “Se estivésemos en calquera outra rexión do mundo, en Italia ou en Francia, o Ribeiro sería, sen dúbida, un dos territorios máis caros do mundo do viño”. Por iso, recoñecementos coma o Acio de Ouro son unha reafirmación do potencial histórico e da calidade dunha terra que, para el, aínda ten moito que dicir no panorama internacional.
A viticultura heroica da Ribeira Sacra elabora o mellor tinto
A adega familiar Via Romana, situada na aldea de A Ermida, en Belesar, acadou o Acio de Ouro como mellor tinto nas Catas de Galicia deste ano, un galardón que premia o esforzo de moitos anos e a dedicación constante de todo o equipo. Paula Carballada, enóloga da firma, amósase moi satisfeita cunha distinción que valida a calidade do seu produto insignia. Ela asegura que “é unha alegría e un recoñecemento ao traballo de moitos anos de todo o equipo”. Segundo explica, o xurado valorou por riba de todo a cata, resaltando o equilibrio que presenta o viño, xa que considera que “o que valoraron foi o conxunto do viño, o equilibrio en boca e en nariz” do seu tinto máis vendido e da marca que mellor representa a súa identidade no mercado.
A traxectoria desta adega é un reflexo da historia vitivinícola da Ribeira Sacra. As súas instalacións están situadas nun edificio que data do século XVI, aínda que a vinculación da familia Méndez Rojo co mundo do viño comezou arredor de 1940.
O proxecto actual consolidouse en 1997 coa súa primeira añada comercial, converténdose na primeira adega da denominación de orixe construída na contorna. Co paso das décadas, evolucionaron desde a elaboración exclusiva de tintos ata incorporar hoxe brancos, rosados e viños con madeira, adaptándose sen renunciar á súa esencia.
Un dos piares da adega é a súa aposta pola viticultura heroica. Paula fai fincapé en que a orografía de bancais característica da Ribeira Sacra impide por completo o uso de maquinaria. Sobre este labor artesanal, a enóloga detalla que “a orografía heroica é todo o noso viñedo propio en bancais, entón isto xa supón que todo é manual”. Por iso, “nós non utilizamos maquinaria ningunha para realizar tanto a vendima como as labores do campo todo o ano”. Este labor sacrificado e comprometido é, precisamente, o que confire ao produto final un carácter distintivo e unha calidade superior.
Porén, a adega é consciente dos retos actuais. Paula sinala que “o sector do viño está pasando un momento de crise, como pero a nivel global, non só esta Denominación de Orixe Ribeira Sacra”. Fronte a esta dificultade, a estratexia da empresa céntrase na busca da excelencia.
A aposta actual da firma consiste en “facer elaboracións máis pequenas pero de gran calidade para poder competir no mercado”. Finalmente, a enóloga reafirma a súa fe na zona, que aspira a constituírse como Patrimonio da Humanidade da Unescco, asegurando que “Ribeira Sacra é unha DO única pola súa orografía, polo seu clima, polos seus ríos, entón iso fai que os viños tamén se expresen moi ben”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar