Rueda promete a lei de incendios este ano e propón flexibilizar as queimas e incentivar un monte produtivo
medio rural
A Xunta estuda incluir na norma a incorporación das leiras abandonadas ao Banco de Terras
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que a nova lei autonómica contra os incendios forestais -comprometida xa en 2021, cando aínda gobernaba Alberto Núñez Feijóo- quedará aprobada antes de que remate o ano, porque o texto está “moi avanzado”. O mandatario descartou calquera “cambio revolucionario”, pero avanzou dúas liñas de traballo concretas: máis estímulos para recuperar un monte produtivo e maior flexibilidade para realizar limpezas e queimas controladas, incluso en espazos protexidos.
Nunha entrevista con Europa Press, no medio dunha nova onda de lumes que castigou varias comunidades españolas -con Madrid como epicentro nos últimos días-, Rueda quixo afastarse tanto das “solucións máxicas” coma das “demagóxicas... que logo son irrealizables”. Preguntado polo atraso da norma, atribuíuno á recente renovación da cúpula de Medio Rural: “Preferimos esperar uns meses máis e que eles puidesen tamén achegar a súa visión”. A lei, dixo, debería chegar ao Parlamento galego no período de sesións que arrinca en setembro.
O presidente rexeitou tanto obrigar á xente a recuperar antigos usos do territorio coma encher o monte de gando como receitas simplistas. Fronte a iso, defendeu “dar máis facilidades, axudas, estímulos” para que os terreos poidan cultivarse, e anticipou que se flexibilizarán as queimas e rozas en períodos de baixo risco. Preguntado se isto se aplicaría tamén a zonas protexidas, respondeu sen dubidar: “Si, por que non?”.
Ecoloxistas
Consciente de que esta postura choca con posicións ecoloxistas contrarias a calquera intervención no monte, Rueda avisou de que a Xunta recibirá “críticas dos de sempre”, pero defendeu que deixar a natureza medrar sen control “ten consecuencias moi indesexables”.
O punto máis controvertido da entrevista foi a posibilidade de reforzar as vías legais para expropiar ou incorporar de xeito forzoso ao Banco de Terras aquelas leiras abandonadas que non se limpen. Rueda non o descartou, aínda que o cualificou como “a última solución”: “É mellor facer iso que ter un terreo improdutivo. A propiedade privada hai que compatibilizala co ben común”. En todo caso, matizou que se priorizarán as vías de estímulo antes que a vía coactiva.
O presidente galego tamén valorou positivamente a evolución da concienciación social, exemplificada na adhesión de 300 concellos ao convenio da Xunta para limpar as franxas secundarias. “A xente dáse conta de que non hai outra”, afirmou, sinalando que en moitas parroquias xa se percibe con claridade que dispor dun terreo limpo pode marcar a diferenza entre salvar ou perder unha vivenda.
Sobre por que Galicia non rexistrou este verán incendios do calado doutras comunidades, Rueda apuntou tres factores: a mellora na concienciación, os avances en limpeza e prevención, e a estabilidade dun dispositivo de máis de 7.000 efectivos -máis de 3.000 deles dependentes directamente da Xunta, e dous terzos, todo o ano-. Con todo, advertiu que “non podemos baixar a garda”.
A Xunta, disposta a sancionar a Adif polos lumes nas vías
Alfonso Rueda puxo o foco na responsabilidade de Adif e Renfe na roza das franxas próximas ás vías do tren, ás que acusou de “pasarse a pelota” entre elas e de abandonar os traballos de limpeza a medio facer: “Empezan nalgunha zona, pero abúrrense do tema”. O presidente galego confirmou que a Xunta está disposta a sancionar se non se actúa “dunha vez por todas”, aínda que recoñeceu que unha multa “nunca” compensará o dano dun incendio e que vería “tremendo” ter que chegar a ese punto. O mandatario autonómico estendeu as críticas ao ministro de Transportes, Óscar Puente, do que dixo ter “moi poucas esperanzas” de que sexa consciente do dano que causan os seus trens. Rueda tamén respondeu ás recentes declaracións de Puente sobre as comunidades do PP e a Unidade Militar de Emerxencias, ás que acusou de intentar “patrimonializar” a UME. Preguntado se compartía co cualificativo de “mamarracho” empregado por Isabel Díaz Ayuso cara ao ministro, Rueda evitou sumarse ao insulto: “Creo que é un ministro que non está a facer o seu traballo. A xente observa e non é parva”.
Malia o ton crítico, Alfonso Rueda insistiu en que un pacto entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo para coordinar a resposta aos incendios sería “importante”, aínda que lamentou que o propio Óscar Puente, ministro de Trasportes, rompese os primeiros pasos de colaboración entre administracións durante a crise de Madrid.
Contenido patrocinado
También te puede interesar