Remitida ao Parlamento a lei contra a violencia dixital
Entre outras medidas pioneiras a norma lanza un servizo gratuíto de borrado da pegada na rede
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte que o Consello aprobou o proxecto da lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia, “a primeira de toda España neste eido”. O obxectivo é afrontar as novas formas de violencia xurdidas da expansión do usos das novas tecnoloxías da información e da comunicación, como internet ou as redes sociais. “Un dos perigos é unha nova cara da violencia de xénero: a violencia dixital”, indicou.
A Xunta iniciou o pasado mes de setembro a tramitación deste proxecto abríndoo a consulta pública para que as entidades e a cidadanía interesada presentasen as súas achegas. Unha vez rematada esta fase de consulta e tras analizar as suxestións recibidas, o Consello deu luz verde ao proxecto, que agora se remite ao Parlamento de Galicia para comezar a súa tramitación cando comece o novo período de sesións.
Contido do proxecto
O proxecto está composto de catro títulos, 26 artigos, dúas disposicións adicionais e outras dúas derradeiras. En canto aos obxectivos que persegue son, fundamentalmente, catro: establecer os principios reitores de actuación no ámbito da comunidade autónoma en materia de acoso e violencia dixital; regular medidas de sensibilización, prevención e detección; promover a formación de persoal da Xunta, do sector público e das forzas e corpos de seguridade do Estado; e, por último, establecer medidas de protección e apoio ás vítimas.
Neste sentido, as principais medidas que prevé este marco xurídico son, no eido educativo: a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias e a aprobación dun Plan integral contra o acoso nas escolas e contra o ciberacoso.
A lei tamén recolle a necesidade de promover acordos con persoas e empresas que ofrecen servizos a través de internet (plataformas e redes sociais) con dúas finalidades: elaborar e aplicar medidas de sensibilización e de prevención; así como establecer criterios e mecanismos áxiles e urxentes de denuncia e retirada de contidos relacionados co acoso e a violencia dixital.
Outra medida que fixa a norma é a posta en funcionamento “dun servizo gratuíto de borrado da pegada dixital” para suprimir material dixital que continúe accesible en rede e que se empregou como instrumento de acoso ou violencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar