Consello da Xunta
Reforzos aéreos e das franxas na loita contra os incendios
Consello da Xunta
O Consello da Xunta aprobou un convenio destinado á limpeza de franxas secundarias de protección contra incendios, cun orzamento global de 100 millóns de euros para catro anos, co obxectivo de reforzar a prevención do lume nos municipios galegos.
Porén, esta iniciativa non contou co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que rexeitou a proposta por unha marxe do 60%. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou este martes esta decisión, ao considerar que a ausencia dun “convenio paraugas” con Seaga e a Fegamp complica o proceso, obrigando agora a que cada concello teña que adherirse individualmente se quere acceder a estas axudas.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tamén expresou tras o Consello a súa crítica á postura da Fegamp, acusando á entidade de comunicar o seu rexeitamento nun momento clave, cando xa se está “en tempo de desconto” para pechar o acordo. Segundo explicou, este atraso pode dificultar de maneira significativa a contratación de persoal e empresas encargadas de inspeccionar e limpar as franxas antes do 31 de maio, prazo no que estas deben estar totalmente acondicionadas. Para a conselleira, este posicionamento responde a motivacións “de índole política”, e non técnicas, dada a importancia do labor preventivo que se pretende fortalecer.
Paralelamente, e tamén no marco do reforzo das políticas de prevención e loita contra os incendios forestais, Alfonso Rueda anunciou a contratación de dous avións de carga en terra, que se sumarán ao dispositivo aéreo da Xunta para as anualidades de 2026, 2027 e 2028. O investimento previsto é de máis de 3,9 millóns de euros, ampliables ata 5,49 millóns mediante unha posible prórroga dun ano e outras modificacións. Estes novos medios permitirán dispoñer de dúas aeronaves adicionais durante 840 días de servizo, acumulando un total de 1.120 horas de voo dedicadas a tarefas de extinción e outras accións relacionadas coa defensa fronte aos lumes.
Coa incorporación destes dous avións, o dispositivo da Xunta contará xa con oito avións de carga en terra, dentro dun total de 22 medios aéreos propios, que superarán os 30 ao sumar os recursos do Estado. A administración destaca que a complexa orografía galega e a diversidade dos incendios fai imprescindible dispoñer de medios variados, capaces tanto de lanzar axentes extintores como de realizar tarefas de vixilancia e coordinación doutras aeronaves. A Consellería do Medio Rural incrementará o seu investimento no 2026 para tarefas de prevención e extinción de lumes, ”cun orzamento de máis de 116 millóns de euros”, subliñou Rueda para reafirmar o compromiso da Xunta.
Tamén, o presidente da Xunta avanzou un novo plan para reforzar a oferta de vivenda nos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes mediante axudas para rehabilitar casas e transformar locais baleiros en fogares.
O programa, aprobado polo Consello, contará cun orzamento total de 5 millóns de euros ata 2027, dos que 3 millóns se reservarán para a convocatoria de 2026. As achegas poderán acadar 30.000 euros por actuación e cubrir ata o 75 % do custo das obras. O obxectivo é “impulsar a vida nestes concellos facilitando a rehabilitación, finalización de inmobles inacabados e o cambio de uso de locais e entreplantas para convertelos en vivenda habitual ou destinada a alugueiro” a prezo taxado durante un mínimo de cinco anos.
As actuacións incluirán melloras de accesibilidade, conservación, eficiencia enerxética e medidas contra o gas radón, así como gastos profesionais, proxectos técnicos e taxas administrativas debidamente xustificadas. Ademais, a Xunta autorizou unha nova dotación de 11,4 millóns de euros para o Bono alugueiro mocidade en 2025, destinada a atender solicitudes en lista de agarda sen abrir unha nova convocatoria.
Esta partida súmase aos case 13 millóns xa executados en 2024, elevando o orzamento total a máis de 24 millóns. O Goberno galego calcula que poderá conceder entre 1.900 e 2.000 axudas adicionais, que se engadirán ás 2.353 xa outorgadas, nun ano no que se rexistraron 7.804 solicitudes.
Na rolda de prensa posterior ao Consello, Alfonso Rueda, considerou “absolutamente lóxico” que a Unidade de Policía Adscrita (UPA), actualmente con menos efectivos, non poida asumir a protección das vítimas de violencia de xénero. Lembrou que o conselleiro de Presidencia xa advertira que, sen avances na renovación do convenio co Estado, a UPA deixará de prestar funcións que non sexan autonómicas. Rueda denunciou a perda de persoal nos últimos anos e subliñou que Galicia é a única comunidade integrada no sistema Vioxén desde 2016, cando a unidade contaba con máis efectivos. A respecto da folga de médicos, Rueda criticou a “soberbia” do Ministeiro de Sanidad por non negociar a folga médica, e alertou da paralización de “numerosos procesos asistenciais.”
O Goberno galego lanzará unha nova edición do programa Retorna Talento FP, dotado con 1,8 millóns e bolsas de 15.000 euros por estudante, un 25% máis. A iniciativa permitirá cursar ata seis ciclos de FP Dual Intensiva e busca que 120 galegos do exterior regresen para formarse en Galicia entre os cursos 2026/27 e 2028/29. Nesta convocatoria inclúese por primeira vez a titulación de Ciclo superior de Automoción.
A Xunta aprobou a sinatura de tres convenios coas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo para reforzar a súa colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades entre 2026 e 2029. O Goberno galego achegará 754.000 euros para apoiar accións no ámbito lingüístico. Esta cooperación está vixente desde 1995.
O Consello da Xunta concedeu a Autorización Ambiental Integrada a Votorantim Cementos para construír en Sarria unha planta de produción de combustibles sólidos recuperados a partir de residuos non reciclables. A resolución publicarase no DOG e permitirá avanzar na tramitación administrativa. Medio Ambiente conclúe a avaliación ambiental, tras emitir en agosto unha DIA favorable.
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, aprobou unha prórroga excepcional da concesión de Jealsa Foods no porto de Bodión (Boiro), pola súa relevancia económica. O Consello da Xunta avalou a modificación, que estende a vixencia da concesión ata 75 anos, o máximo legal, garantindo a continuidade da conserveira no emprazamento ata 2067.
Contenido patrocinado
También te puede interesar