Núñez Feijóo: "Carvalho Calero axudou a criar galegos libres"
Galicia
O pleno extraordinario da Real Academia Galega rendiu homenaxe ao autor ferrolán no paraninfo da USC
nnn O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte o "amplo legado" do autor Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2020, "afastado de calquera tentación doutrinaria" e que "axudou a criar galegos libres que propician unha cultura e unha lingua libres". Así o manifestou o titular do Goberno autonómico durante un discurso pronunciado ao finalizar o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) en homenaxe ao autor ferrolán. Un evento celebrado este sábado 12 de decembro -case sete meses despois da súa data habitual, o 17 de maio- no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tras atrasarse en dúas ocasións debido á incidencia da pandemia.
Na súa intervención, Feijóo explicou que Carvalho Calero, que abrazou as teses lusófonas, reparou "na Europa máis próxima representada por Portugal": "Loita por un reencontro co pobo irmán do que nos afastan ventureiros acontecementos e ao que nos achegan afectos nunca esmorecidos". "Máis aló de controversias eruditas sobre os formatos ortográficos, a intuición de don Ricardo anticípase con acerto aos nosos tempos", subliñou a continuación.
ALUMNOS E DISCÍPULOS
Como mostra do "amplo legado" de Carvalho Calero, Feijóo mencionou "os seus estudos, a súa poesía, os seus ensaios, a súa novelística, a súa capacidade oratoria" e a "herdanza viva" que deixa nos seus alumnos e discípulos, moitos deles membros actuais da RAG como o seu presidente, Víctor F. Freixanes.
O presidente da Xunta parouse na biografía do autor ferrolán para destacar que foi "primeiro en moitas cousas", como o demostra que ocupou a primeira cátedra de lingua e literatura galegas, ademais de ser un "adiantado dos vínculos" entre Portugal e Galicia. Uns vínculos que na actualidade, en palabras de Feijóo, veñen "reforzados grazas á pertenza ao proxecto europeo" e ao "feliz reflexo legal" que é a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, que busca aproveitar os "vínculos coa lusofonía" e permite "que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués" na Comunidade galega.
"Está vixente ademais un memorando de entendemento coa República Portuguesa e cabe lembrar igualmente que, a instancias de Galicia, España ingresou na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa", engadiu o presidente da Xunta.
Así mesmo, para "seguir esa senda", a Xunta ten "como eixo" da Lexislatura que acaba de empezar "a potenciación da transmisión interxeracional do galego no seo das familias e a vivencia da lingua na mocidade". Feijóo tamén dedicou parte do seu discurso ás "circunstancias adversas" que "condicionan" a vida da sociedade como a actual pandemia do coronavirus: "Proba disto é a configuración deste acto e que esteamos a celebrar o tradicional 17 de maio nun 12 de decembro". De feito, lembrou que o propio Carvalho Calero "sufriu na súa contorna familiar o golpe dunha pandemia", a da 'gripe española' de 1918, que terminou coa vida da súa nai.
Neste contexto, dixo que "non é un bo antídoto" cancelar eventos como o de onte no Paraninfo da USC, porque "os pobos necesitan nesta encrucillada dunha extraordinaria forza interior que reside en sentimentos que se expresan con palabras".
outras presenzas
Ademais do presidente da Xunta, o pleno extraordinario da RAG contou coa presenza da filla de Carvalho Calero, María Victoria Carvalho Calero, e de numerosas figuras da vida política, civil e cultural de Galicia, entre eles o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e, como representantes da oposición, a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. A primeira definiu a Carvalho Calero como unha "figura poliédrica" e "magnífica", que axudou a "crear conciencia sociolingüística", mentras que Caballero, puxo en valor "a importancia de defender" o idioma e "traballar por unha cooficialidade real" e por "un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar